Publicador de contidos

Publicador de contidos

Conclúe sen acordo a reunión para tratar de poñer fin aos aranceis impostos por Trump á UE

Conclúe sen acordo a reunión para tratar de poñer fin aos aranceis impostos por Trump á UE

O comisario de Comercio Maros Sefcovic pide un “esforzo conxunto” para lograr un acordo tras a súa primeira rolda de contactos en Washington

O comisario europeo de Comercio, Maros Sefcovic/Johanna Gero/Reuters O comisario europeo de Comercio, Maros Sefcovic/Johanna Gero/Reuters
G24.gal 14/04/2025 22:19

O comisario de Comercio, Maros Sefcovic, concluíu sen acordo a reunión de varias horas en Washington coas súas contrapartes da Administración Trump para tratar de pactar unha solución que poña fin á guerra arancelaria lanzada polo presidente dos Estados Unidos.

Ao termo do seu encontro co secretario de Comercio dos Estados Unidos, Howard Lutnick, e co responsable comercial, Jamieson L. Greer, Sefcovic escribiu en redes sociais que a Unión Europea segue disposta a chegar a "un acordo xusto".

O comisario tamén avisou no seu breve comunicado que chegar a unha solución esixirá un "importante esforzo conxunto por ambas as partes", á vez que reiterou a oferta de Bruxelas para un acordo de "reciprocidade" con "cero aranceis" para os bens industriais.

Insistiu en "aproveitar a xanela de oportunidade" que se deron Bruxelas e Washington coa "pausa de 90 días" nas represalias europeas á primeira quenda de aranceis que Trump si mantén sobre o aceiro e o aluminio europeo.

Dobre vía: diálogo e negociación

Horas antes do encontro o portavoz de Sefcovic, Olof Gill, insistiu en que o Executivo comunitario, que ten a competencia exclusiva da política comercial da UE, avoga por unha "dobre vía" que combina os esforzos de diálogo coa preparación das contramedidas.

A Comisión Europea formalizou a suspensión automática da primeira rolda de represalias que debían entrar en vigor tamén este 14 de abril, despois de que os 27 apoiasen co único voto en contra de Hungría as contramedidas deseñadas polos servizos comunitarios.

Deste xeito, os aranceis do 25 % sobre compras por valor de case 21.000 millóns de euros en compras a Estados Unidos quedan conxelados ata o 14 de xullo, co aviso de Bruxelas de que serán reactivados de inmediato se se frustran as negociacións.

A propia presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen, advertiu ao anunciar a semana pasada a suspensión que a represalia pode "reactivarse" en calquera momento se se frustra a negociación.

Ademais, engadiu que a preparación da segunda roda de contramedidas segue en marcha, aínda que fontes comunitarias precisaron que non se anunciará o avance dos traballos mentres funcione a negociación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade