O prezo da luz queda a 0 euros o MWh ou en negativo durante horas
O paso de catro borrascas impulsa o uso das renovables que cobren boa parte da demanda de electricidade
O prezo da luz tamén se está vendo beneficiado pola maior contribución das enerxías limpas
O prezo medio da luz repuntará este domingo ata os 10 euros, pero aínda así será o segundo valor máis baixo de todo o mes de abril, tras marcar onte venres o rexistro máis baixo, 1,37 euros o quilowatt hora. O paso de catro borrascas deixou o prezo da luz a cero por momentos.
Nesta Semana Santa as renovables cubriron durante horas toda a demanda enerxética de España. Estes últimos días, especialmente o Xoves Santo, a enerxía que se consumiu en España durante varias horas era enerxía limpa, producida por aeroxeradores, paneis solares ou turbinas de centrais hidroeléctricas.
Segundo datos da Rede Eléctrica, en 2024 máis da metade da enerxía empregada en España era renovable, sobre todo eólica e solar, aínda que en Galicia imponse a hidráulica.
A chuvia, boa para os encoros, e o vento, beneficioso para a enerxía eólica, impulsan a produción das renovables e tamén repercuten no prezo da luz. O mercado grosista eléctrico rexistrou este sábado un dos valores máis baixos do ano cun prezo de 1,72 euros o megawatt hora.
E o máis destacable é que durante once horas consecutivas, desde as nove da mañá ata as oito da tarde o custo da electricidade quedou en cero euros e mesmo en valores negativos.
Este domingo o prezo medio da luz repunta ata os 10,72 euros o megawatt hora, pero a pesar da suba con respecto ao sábado, durante nove horas, desde as dez da mañá ata as sete da tarde o prezo será de cero ou negativo.