Merelles: "O Camiño é un auténtico elemento tractor da economía galega"
O director de Turismo de Galicia asegura que os peregrinos gastan máis do dobre ca o resto de turistas
Institucións como o BBVA prevén que, grazas ao turismo e aos servizos, o PIB galego medre por riba do español en 2025
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, asegurou que o Camiño de Santiago se consolida como un dos elementos tractores da economía en Galicia.
Na entrevista dos domingos da Radio Galega, dixo que os peregrinos gastan máis ca o resto de turistas e axudan a dinamizar o rural, xa que grazas ás diferentes rutas xacobeas, créanse infraestruturas e servizos en concellos do interior e axudan a fixar poboación.
"Cada peregrino adoita gastar dúas veces e media máis ca o resto de turistas. De media, pernoctan cinco días. Se botamos contas, danos unha achega económica moi importante, sobre todo, naqueles concellos con problemas para fixar poboación".
Xosé Merelles asegurou que a cifra de peregrinos vai a máis cada ano e mes a mes.
"Antes da Semana Santa, arribaron a Santiago 1.200 peregrinos máis que na Semana Santa anterior e nos meses previos ó verán e nos posteriores tamén vemos como as cifras medran cada ano".
O turismo, clave no PIB galego
A relevancia do turismo en Galicia vén acompañada de cifras. No que vai de ano, o turismo na nosa comunidade medrou un 7 % e xa veñen viaxeiros durante todo o ano, tanto en temporada alta como en temporada baixa, tal e como indican as cifras que manexa o director de Turismo de Galicia.
"En 2024, a ocupación hoteleira medrou un 10 % en temporada media e un 14 % en temporada baixa. É dicir, Galicia avanzou cara a desestacionalización e desconcentración da actividade turística".
E non só iso. Segundo Xosé Merelles, o sector dá emprego a máis de 130.000 persoas e agosto de 2024 supuxo un punto de inflexión en contratación. Tamén implicou un revulsivo para o sector da hostalería, que o ano pasado chegou a facturar case 470 millóns de euros.
Atendendo a cifras macro económicas, as previsións apuntan a que o PIB galego dará un salto cualitativo este ano.
"Institucións como o BBVA sinalan que o PIB galego en 2024 vai medrar como a media española e que este ano medrará incluso por riba do PIB español. Son incrementos que se deben á actividade turística e ao sector servizos, o que supón unha satisfacción".
Entre os retos do sector turístico, Merelles recalca, mellorar as cifras dos viaxeiros internacionais. Para iso cómpre máis conexións e coordinación entre os aeroportos galegos e un servizo de trens AVE máis eficiente.