Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Goberno limita os fritos e o azucre nos colexios e a froita e verdura será diaria

O Goberno limita os fritos e o azucre nos colexios e a froita e verdura será diaria

A nova lei, que afectará os colexios públicos, concertados e privados que imparten desde segundo ciclo de infantil ata bacharelato e Formación Profesional de grao básico e medio, obriga a que polo menos o 45 % da froita e hortalizas que se sirvan sexan de tempada 

A norma elimina a bolería industrial e as bebidas enerxéticas tamén das máquinas expendedoras situadas nos centros escolares e limita os fritos e os pratos precociñados (pizzas, empanadillas ou croquetas) a unha ración ao mes

directo
G24.gal 15/04/2025 10:47 Última actualización 15/04/2025 13:35

O Goberno obrigará por lei a que os comedores escolares de todos os centros de ensino non universitario ofrezan froita e verdura fresca todos os días e a servir peixe entre unha e tres veces á semana, á vez que limita o consumo de fritos e sal e elimina a bolería industrial.

O Consello de Ministros aprobou este martes o real decreto de Comedores Escolares Saudables e Sostibles elaborado polo Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 e no que participaron catro ministerios (Educación, Formación Profesional e Deportes; Agricultura, Pesca e Alimentación; Sanidade; e Mocidade e Infancia).

 

A nova lei, que afectará os colexios públicos, concertados e privados que imparten desde segundo ciclo de infantil ata bacharelato e Formación Profesional de grao básico e medio, obriga a que polo menos o 45 % da froita e hortalizas que se sirvan sexan de tempada e que dous pratos ao mes ou o 5 % do gasto se destine á produción ecolóxica.

A norma elimina a bolería industrial e as bebidas enerxéticas tamén das máquinas expendedoras situadas nos centros escolares e limita os fritos e os pratos precociñados (pizzas, empanadillas ou croquetas) a unha ración ao mes. Ademais obriga a servir entre unha e tres racións de peixe á semana e legumes e cereais polo menos semanalmente. 

Máis peixe e menos azucre e sal

Segundo estimacións de Consumo hai 1.200 comedores escolares en España nos que nunca se serve peixe e a norma obrigará a servir entre unha e tres racións de peixe á semana. Tamén os legumes e os cereais, como arroz ou pasta integral, deberán estar no menú escolar polo menos semanalmente.

Non se permitirá servir bebidas azucradas nas comidas, nin tampouco vendelas nas máquinas expendedoras ou nas cafeterías dos centros se superan un contido máximo de 5 gramos de azucres por porción envasada. O decreto establece límites na porcentaxe de graxas, azucres e sal que conleven estes produtos.

"Con este real decreto vai asegurar que todos os nenos, nenas e adolescentes do noso país teñan acceso cada día a unha alimentación sa, nutritiva e variada nos comedores escolares, con independencia do nivel de renda das súas familias", recalcou Bustinduy que incidiu en que "o comedor escolar é unha ferramenta fundamental para reducir a desigualdade".

Lembrou o último estudo Aladino que sinala que un 47 % do alumnado de entre 6 e 9 anos de familias con ingresos inferiores a 18.000 euros ao ano teñen exceso de peso infantil porque non poden permitirse consumir máis alimentos frescos nin realizar almorzos completos. E incidiu en que con esta lei búscase "reducir as desigualdades en saúde" e un modelo "máis sostible, con menos envases e desperdicios", á vez que recalcou que mellores hábitos alimenticios e nutricionais "tamén ten impacto sobre os resultados educativos, formativos e laborais, mesmo salariais", do estudantado.

Por outra banda, Bustinduy sinalou que pretende impulsar o consumo de proximidade e a produción local para "conectar a horta cos comedores escolares e que sexan os nosos pescadores, gañadores ou agricultores" os que alimenten aos alumnos.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade