Consumo prohibirá as bebidas azucradas nos comedores escolares para frear a obesidade infantil
Consumo prohibirá as bebidas azucradas nos comedores escolares para frear a obesidade infantil
Garantirase tamén o consumo diario de froitas e verduras
A normativa sobre comedores escolares en que traballa o Goberno para rematar coa obesidade infantil prohibirá o consumo de bebidas azucradas durante as comidas nos centros educativos, onde se pasará a servir só auga. A obesidade infantil é un problema urxente nos menores, sobre todo naqueles que proveñen de familias con rendas máis baixas.
O real decreto sobre comedores escolares no que traballa o Goberno contemplará esas medidas e tamén garantirá o consumo diario de froitas e verduras frescas para todos os nenos e nenas, segundo sinalou o ministro de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, Pablo Bustinduy, na presentación do estudo Aladino 2023 sobre a Alimentación, Actividade física, Desenvolvemento Infantil e Obesidade.
A futura norma pretende fixar as condicións mínimas para asegurar que polo menos cinco comidas á semana respecten os criterios recomendados pola Organización Mundial da Saúde, e que os escolares, especialmente aqueles de fogares con menores rendas, teñen acceso a esa alimentación.
A idea é garantir que todos os comedores escolares, independentemente da súa titularidade, ofrezan carne e peixe de calidade e aumenten a cantidade de legumes e cereais nos seus menús. Buscan tamén asegurar circuítos curtos de produción e alimentos de proximidade, máis sostibles, de calidade e que fomenten a economía local.
"Todos os menores, independentemente dos recursos dos que dispoña a súa familia, do barrio ou do código postal no que nazan ou no que vivan, teñen o mesmo dereito a unha alimentación saudable e de calidade", afirma o ministro Bustinduy.
O estudo desenvolveuse a partir dunha mostra de 12.678 escolares de entre 6 e 9 anos, pertencentes a 296 centros de todas as comunidades autónomas. Nel obsérvase que o exceso de peso nos escolares de 6 a 9 anos diminuíu un 4,5 % nos últimos catro anos.
Así e todo, tamén deixa claro que esa melloría dos datos de obesidade infantil (15,9 %) e exceso de peso (20,2%) non se percibiu nas familias con rendas máis baixas, onde os indicadores están relativamente constantes desde 2011.
A obesidade, unha cuestión de ingresos
O 48 % dos menores pertecentes a familias con ingresos inferiores a 18.000 euros padecen un exceso de peso, fronte ao 29 % dos que ingresan máis de 30.000 euros.
Ademais, os que pertencen a familias de menor renda fan menos deporte en actividades extraescolares que quen forma parte doutras con máis renda (68,7 % fronte ao 88,6 %, unha diferenza de 20 puntos).
Ademais, os que son de familias con menor renda expóñense máis ás pantallas: ven dúas ou máis horas de pantallas ao día, case o dobre que nas de rendas superiores a 30.000 euros (41,4 % fronte ao 22,8 %, respectivamente), o que fai que tamén se expoñan a mais anuncios sobre alimentación non saudable.