A Xunta ofrecerá préstamos con mellores condicións para minimizar o impacto dos aranceis
Lorenzana anuncia unha liña de préstamos de 50 millóns de euros ampliables e cun período de carencia de catro anos
Catro conselleiros e mais os clústers e asociacións sectoriais analizaron os mecanismos que se van poñer en marcha para facerlle fronte á guerra comercial de Trump
A Xunta prevé ofrecer préstamos para facilitar liquidez ás empresas dos sectores máis afectados polos aranceis de Estados Unidos e que supoñerá a adaptación dunha liña xa activa pero que agora contará con mellores condicións para "minimizar" o impacto desa guerra comercial, sinalou a conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana.
Tras unha reunión de hora e media entre representantes da Xunta e responsables das agrupacións industriais e asociacións afectadas pola política arancelaria dos Estados Unidos, Lorenzana anunciou unha liña de préstamos de 50 millóns de euros por parte do Igape, o órgano do Goberno galego de promoción do comercio exterior.
Na reunión, na que tamén participaron os conselleiros de Facenda, de Medio Rural e do Mar -Miguel Corgos, María José Gómez e Alfonso Villares, respectivamente-, Lorenzana precisou a intención de flexibilizar as condicións dos préstamos para dar liquidez aos sectores máis afectados polos aranceis.
A titular de Economía do Goberno galego explicou que os prestamos serán de ata un millón de euros e que a liña de 50 millóns de euros será "ampliable absolutamente" se fose necesario, adaptable ás circunstancias e cun período de cadencia de catro anos coincidente co mandato do presidente dos Estados Unidos, Donal Trump, causante do conflito arancelario.
As empresas galegas contarán con máis tempo para devolver o diñeiro á Administración autonómica de forma que contarán cun "maior alivio", segundo Lorenzana.
A conselleira prognosticou que Galicia non será en España das comunidades máis afectadas, aínda que hai preocupación polos "efectos indirectos" dos aranceis nas relacións comerciais doutros territorios, dixo.
De forma paralela á liña de axudas, a Xunta prevé poñer en marcha unha oficina especializada de asesoramento con axuda do ente colaborador de que dispón Igape en Miami.
A Xunta tamén prevé ofrecer, tras as festividades da Semana Santa, seminarios diferenciados por sectores sobre as oportunidades do decreto do Goberno central, que conta con 14.000 millóns de euros para loitar amortecer o impacto dos aranceis estadounidenses, e abordar a diversificación de mercados.
Un representante da agrupación industrial alimentaria Clusaga, Andrés Rodríguez, remarcou que este é un dos sectores máis afectados, xa que os aranceis terán especial impacto en conserveiras e en adegas de viño.
Eses sectores necesitan de forma inmediata "liquidez para poder aguantar este tirón nestes meses sen sacar produto", indicou, aínda que despois será importante obter axudas directas.
Un portavoz do sector da lousa, Severino González, tamén coincidiu na necesidade de axudas para frear o impacto dos aranceis nas súas exportacións.
Pola súa banda, un representante do sector naval galego, Manuel Vázquez Castro, considerou positivas as propostas dos poderes públicos, aínda que o impacto podería ser menor en Galicia, onde as empresas non exportan buques pero se bens de equipo. Con todo, admitiu que o sector pode padecer o impacto inflacionista de produtos e compoñentes necesarios necesitan para a industria.
Segundo explicou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda tras o Consello, o primeiro que vai ofrecer o Goberno galego aos empresarios é "coordinación" e estar "moi pendente" da información que se vaia recibindo sobre os aranceis para poder adoptar "algunha medida sempre a expensas do que vaia sucedendo".
E é que "a situación non é sinxela, é moi cambiante", destacou Rueda, porque se están coñecendo decisións do presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, "case minuto a minuto" o que "non permite facer unha foto fixa do que está a pasar", lamentou.
Por iso, insistiu, do mesmo xeito que a semana pasada, en que o fundamental é ter información e "escoitar ao Goberno central" co que é preciso "coordinación" do mesmo xeito que coa UE.