Von der Leyen considera o aprazamento de aranceis un paso para estabilizar a economía
A presidenta da Comisión Europea acolle con satisfacción o anuncio do presidente estadounidense, Donald Trump, de suspender 90 días os aranceis

A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, acolleu este xoves con satisfacción o anunciou do presidente estadounidense, Donald Trump, de suspender 90 días os aranceis, ao consideralo "un paso importante para estabilizar a economía mundial".
"Acollo con satisfacción o anuncio do presidente Trump de suspender os aranceis recíprocos. É un paso importante para estabilizar a economía mundial", dixo Von der Leyen nun comunicado, en que sinalou que "unhas condicións claras e predicibles son esenciais para o funcionamento do comercio e as cadeas de subministración".
Trump anunciou este mércores na súa rede social Truth Social que mantén os aranceis do 10 % pero pausa durante 90 días os aranceis adicionais a todos os países que non tomasen represalias contra os Estados Unidos e pedisen unha solución negociada, incluída a Unión Europea, á que asignara un 20 % inicialmente.
O Goberno comunitario comprométese a seguir negociando cos EUA
A xefa do Executivo comunitario recalcou que a UE "mantén o seu compromiso de manter negociacións construtivas cos Estados Unidos, co obxectivo de lograr un comercio sen friccións e mutuamente beneficioso".
E recordou igualmente que os aranceis son impostos que só prexudican as empresas e os consumidores. "Por iso avoguei constantemente por un acordo arancelario de cero por cero entre a Unión Europea e os Estados Unidos", subliñou.
Von der Leyen informou o pasado luns que o seu equipo negociador puxo sobre a mesa de negociación, entre outras propostas, un acordo arancelario cero por cero para os bens industriais.
Con todo, a pesar da man tendida para o acordo comercial cos Estados Unidos, a política alemá sinalou que a UE segue centrándose en diversificar as súas alianzas comerciais, colaborando con países que representan o 87 % do comercio mundial e comparten o compromiso do club comunitario "cun intercambio libre e aberto de bens, servizos e ideas".
Por último, indicou que o seu equipo está a intensificar o traballo para eliminar as barreiras no propio mercado único da UE. "Esta crise deixou algo claro: en tempos de incerteza, o mercado único é o noso piar de estabilidade e resiliencia", afirmou.
"O meu equipo e eu seguiremos traballando día e noite para protexer aos consumidores, traballadores e empresas europeos. Xuntos, os europeos sairemos fortalecidos desta crise", concluíu.
As contramedidas da CE
Xusto a véspera, os estados membros da UE deron luz verde a medidas para responder os aranceis do 25 % que Trump impuxo en marzo sobre todas as importacións de aceiro e aluminio.
A recadación a través das contramedidas da UE comezará a partir do 15 de abril e farase de forma graduada por un valor total de 20.900 millóns de euros.
Así, as aplicadas desde o 15 de abril abarcan comercio por valor de 3.900 millóns de euros, mentres que as que se implementan desde o 15 de maio engloban comercio valorado en 13.500 millóns.
Unha terceira quenda de contramedidas para a soia e as améndoas entrará en vigor o 1 de decembro, por valor de 3.500 millóns de euros.
Paralelamente, a Comisión Europea empezara a preparar xa a súa resposta aos aranceis do 25 % ao sector automobilístico e do 20 % polos chamados aranceis "recíprocos", e tiña previsto presentala a principios da próxima semana.