O Poli Paco, toda unha institución no ensino de seguridade viaria aos máis cativos
Creado polo policía local de Sanxenxo Abelardo Martínez, obtivo un novo recoñecemento nacional
O Poli Paco é un boneco moi especial, toda unha institución nacional en Sanxenxo. Inventouno o policía local Abelardo Martínez, que non para de recibir premios pola súa creación. Axúdao a educar os máis cativos na seguridade viaria.
Paco e algún máis dos personaxes creados por Abelardo Martínez visitaron esta mañá os alumnos de educación infantil do colexio A Florida, de Sanxenxo. Abelardo fai estas visitas dende hai moito tempo, pero con Paco é diferente.
A nova medalla de ouro nacional das distintas policías locais de España é unha mostra máis do recoñecemento deste proxecto pioneiro, que conta tamén co seu propio libro, do que levan xa editados dous mil exemplares.
Dende hai xa 13 anos, o Poli Paco e os seus compañeiros son un exemplo para nenos de toda España de que aprender seguridade viaria nos colexios pode facerse dun xeito divertido e axeitado a todas as idades.