Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rómpenlle dúas costelas á dona dunha tenda de lambonadas de Santiago nun violento asalto

Rómpenlle dúas costelas á dona dunha tenda de lambonadas de Santiago nun violento asalto

A muller pediu axuda na rúa e o ladrón foi arrestado grazas á colaboración dos veciños

G24.gal 12/03/2025 14:39

Con dúas costelas rotas e o susto no corpo, Belén conta o sucedido na tarde do luns. Estaba soa na tenda cando un home con actitude estraña empezou a preguntarlle por diferentes produtos. Cando se quixo dar conta, xa o tiña enriba.

"Colleume por detrás, tapoume a boca coa man e apertou a miña cintura cara a el. Pedinlle que non me fixera dano, e canto máis llo dicía, máis apertaba", explica María Belén Álvarez, vítima do asalto.

Despois dun forcexo, agatuñando e sen case respirar, logrou saír á rúa para pedir axuda. Grazas á rápida resposta de tres veciños, lograron atrapar o home no interior da tenda ata que chegou a policía.

"Un veciño atravesou un paraugas para atrancar a porta. Pero o home estaba enfurecido como un touro e tiraba en contra. Despois viñeron outros mozos da cafetería e entre todos baixaron a reixa e lograron paralo ata que o arrestou a Policía".

Pero este non foi o único roubo denunciado nas últimas horas en Compostela. Nun céntrico negocio de eliminación de tatuaxes, os ladróns entraron de madrugada manipulando a reixa.

"Non romperon nada, pero estaba todo revolto e levaron os cartos do cambio da caixa. A policía cre que viñan con esa intención, levar uns cartos rápido para a dose ou o que sexa", engade Ángeles Otero, a propietaria do establecemento.

Non causaron estragos, pero si moita indignación á propietaria, que acababa de abrir o negocio. "É un marrón, desanima moito este desgusto nada mais abrir, só levaba unha semana co local aberto", lamenta Ángeles.

Ambas séntense impotentes e piden reforzar a vixilancia policial. Din que moitos comerciantes se senten inseguros ante a repunta de asaltos en establecementos da cidade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade