Publicador de contidos

Publicador de contidos

Roubo nocturno nunha carnicería do Grove para levar varias pezas de carne e unhas moedas

Roubo nocturno nunha carnicería do Grove para levar varias pezas de carne e unhas moedas

O establecemento está no mercado municipal, ao que accederon tras rebentar a pechadura dun local exterior baleiro

Os praceiros pídenlle ao Concello que instale videovixilancia

Imaxe deste mércores da carnicería obxecto do roubo no mercado municipal do Grove
G24.gal 12/03/2025 14:05

O autor ou autores do roubo á carnicería La Bellota conseguiron o máis difícil no seu obxectivo: entrar ao mercado municipal rebentando a porta dun local baleiro que dá á rúa. Sucedeu na noite do luns ao martes:

"Cremos que foi unha persoa con drogadicción polo que fixo, na caixa rexistradora había moi poucos cartos e levou todo o solto. Logo levou algo de salgado, unhas costelas, uns lacóns, algo de costela, panceta e parte dunha perna de tenreira, un cacho de chuleta ibérica e un pouco de segredo ibérico. O custo para facer unha boa festa", explica Diego Torres, copropietario da carnicería.

A rotura da caixa rexistradora e produto que quedou polo chan e houbo que desbotar para a venda forman parte dos estragos que afronta o comerciante con este roubo.

"Viñeron por aquí, a nosa reixa levantárona, sacaron a pechadura e entraron. Romperon a rexistradora para abrila e, o que puido ser peor, que deixaron a porta da cámara aberta. Por sorte o noso sistema permitiu conservalas cunha temperatura axeitada", di Torres.

Diego e Carlota inciden na necesidade de que o Concello do Grove, propietario da praza de abastos, instale un sistema de videovixilancia:

"Nós levamos moitos anos pedindo que nos coloquen cámaras, porque estamos nun mercado público e necesitamos que o Concello se faga cargo de poñer as cámaras, que é quen ten a potestade para facelo".

Engade que con catro cámaras sería un mercado máis seguro tamén para a clientela en días como os venres ou todo o verán, con moita actividade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade