Detido nun control en Pontevedra un home relacionado con varios casos de narcotráfico
Pararon o vehículo porque circulaba a velocidade excesiva, e no interior atoparon unha bolsa cunha substancia que podería ser marihuana

Marcos Falcón, veciño da Arousa e relacionado con varios casos de narcotráfico en Galicia, foi detido en Pontevedra nun control rutineiro. Portaba droga no seu coche.
Segundo informaron desde o Concello de Pontevedra, os feitos tiveron lugar este mércores durante os labores de vixilancia que realizaba unha patrulla da Policía Local.
Os axentes observaron, á altura da Xefatura, como un vehículo circulaba a gran velocidade, aumentándoa ao ver os policías. Por iso, procederon a interceptar o vehículo para darlle o alto por circular a unha velocidade que non se axustaba ás circunstancias da vía.
O condutor detivo o coche nunha rúa da zona centro da cidade, "mostrando un claro estado de nerviosismo". Despois de ser preguntado polo motivo da súa condución e sobre se consumira algún tipo de substancia, el mesmo suplicou que "non se lle realizase a proba" xa que "consumira no día anterior e perdería o permiso de condución en caso de dar positivo".
Realizada a proba de tóxicos, o resultado do test foi positivo en cocaína e opiáceos. Acto seguido, os axentes rexistraron o turismo e localizaron unha bolsa de plástico cunha substancia de orixe vexetal de cor verde e marrón, presumiblemente marihuana.
Consultados os antecedentes do investigado, os axentes comprobaron a existencia de distintos delitos contra a saúde pública por tráfico de drogas a media escala.
Ademais, desde a Xefatura da Policía Local tíñase constancia de varias denuncias veciñais sobre supostas actividades delituosas relacionadas co comercio de estupefacientes na zona onde se interceptou finalmente o vehículo, polo que os axentes procederon á detención deste home para o seu posterior posta á disposición xudicial por un posible delito contra a saúde pública por tráfico de drogas.