Detido un home en Vigo por negarse a abandonar un hotel e lanzar cocaína sobre catro policías
Os catro policías tiveron que ser trasladados ao hospital Álvaro Cunqueiro por intoxicación e xa recibiron a alta
.png)
A Policía Local de Vigo detivo un home que se negaba a abandonar o cuarto dun hotel de luxo do centro da cidade e que lanzou cocaína a catro axentes. A cocaína que lles caeu enriba provocoulles unha intoxicación e tiveron que ser trasladados ao hospital Álvaro Cunqueiro.
Os feitos sucederon sobre as 13:30 horas deste domingo. O persoal do aloxamento chamou os axentes para informar de que había un hóspede que estivera a causar molestias durante a noite e que, pola mañá negábase a abandonar o cuarto, non lle permitía acceder ao persoal de limpeza e ademais no cuarto había un cheiro forte a marihuana.
O home, duns 50 anos, estaba moi agresivo e os axentes atopárono baixo os efectos do consumo de substancias estupefacientes. Os axentes levaron o home á entreplanta do hotel para cachealo. Nese momento o home mordeu unha das bolsas, duns 150 gramos e botóullela por enriba aos catro policías.
Os catro policías tiveron que ser trasladados ao hospital Álvaro Cunqueiro por intoxicación, pero xa lles deron a alta. Ao veciño de Vigo detido tamén o levaron para ingresar no hospital vigués.