Ferido o propietario dun 'after' da Milagrosa tras ser agredido por un cliente
A pelexa tivo lugar na madrugada do martes, cando a vítima pediu ao agresor que abandonase o local
Na Coruña a policía identificou varias persoas durante o rexistro efectuado nun local nocturno de Matogrande

Novo incidente nun dos polémicos after do barrio lugués da Milagrosa. O dono dun establecemento foi agredido por un cliente na madrugada do martes cando o propietario lle pediu que abandonase o local tras molestar a unha das camareiras.
A discusión iniciada no interior do establecemento rematou cunha pelexa na rúa. A vítima recibiu varios puñazos e patadas na cabeza e noutras partes do corpo e tivo que ser atendido nun centro hospitalario.
Os veciños piden que se tomen medidas tras este último incidente que se produce neste after da Milagrosa, que en realidade, ten licenza de cafetería.
Nova redada no after de Matogrande
Na Coruña, mentres, nova redada no after onde hai quince días feriron varios axentes de policía durante unha intervención. Nesta ocasión non houbo incidentes de gravidade.
Participaron 40 axentes da Local e a Nacional nun rexistro en que se incautaron de varios gramos de cocaína, marihuana e haxix. Aínda que non houbo detidos, varias persoas quedaron identificadas. O propietario do local non foi localizado.