Reaberta a ponte colgante de Cal Grande, no Parque Natural das Fragas do Eume
A Xunta prevé iniciar este ano a rehabilitación integral da ponte colgante de Fornelos, na que se desenvolverán os mesmos traballos cun investimento moi similar

A directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, visitou o Parque Natural Fragas do Eume e a ponte colgante de Cal Grande, unha pasarela que reabre ao público tras concluír as obras de reparación realizadas co obxectivo de deixala plenamente operativa e ás que a Xunta destinou ao redor de 115.000 euros.
Os traballos consistiron no desmontado secuencial do taboleiro da ponte, da varanda, do cordón de sustentación e demais elementos, que foron substituídos por outros novos, así como no pintado de toda a infraestrutura.
As actuacións realizadas permiten reabrir a ponte ao público coas máximas garantías de seguridade tanto para os visitantes como para os pescadores da zona.
Deste xeito, mellórase a accesibilidade do Camiño dos Encomendeiros, o máis transitado do parque natural. Así mesmo, complétanse os labores de rehabilitación iniciados en 2022, cando nos traballos iniciais detectáronse danos estruturais na obra oculta, que fixeron necesaria a redacción dun novo proxecto para corrixir esas deficiencias.
A Xunta prevé iniciar tamén este ano a rehabilitación integral da ponte colgante de Fornelos, a outra pasarela existente no parque natural, na que se desenvolverán os mesmos traballos cun investimento moi similar. A previsión é poder comezar as actuacións ao longo deste exercicio.