Investigado un home de Ourense por abandono e malos tratos de 19 animais
O alpendre do que dispoñían os animais para resgardarse de inclemencias meteorolóxicas, tiña "un tamaño reducido" e "carecía das condicións mínimas hixiénico-sanitarias, iluminación e ventilación adecuada" segundo a Garda Civil

O Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil (SEPRONA) investiga a un home en Ourense por malos tratos e abandono de dezanove animais, que se atopaban desnutridos e en condicións insalubres.
A investigación realizouse, no marco da operación Marcou, tras constatar o incumprimento da normativa vixente en relación coa seguridade da cadea agroalimentaria vinculada co benestar dos animais, especialmente os criados para a produción de alimentos.
Os axentes tomaron declaración a un veciño de Ourense en calidade de investigado como presunto autor de dous delitos de malos tratos e abandono de animais domésticos.
Segundo informaron fontes da Benemérita, dezanove animais das especies ovina e caprina achados na parcela atopábanse "esfameados e en situación de desnutrición" por falta de alimento propio e "soamente se alimentaban polas poucas herbas que xeraba a propia leira".
A auga proporcionada ás cabras e ovellas era facilitada polo dono da leira e non polo propietario dos animais.
Ademais, os axentes observaron como na superficie da leira achábanse "os cadáveres de dúas ovellas e un cabrito que estaban en estado de descomposición", destacando máis restos de la amontoada en varios puntos diferentes da parcela que apuntaban á posible mortaldade doutros animais ovinos.
O alpendre do que dispoñían os animais para resgardarse de inclemencias meteorolóxicas, abunda a Garda Civil, tiña "un tamaño reducido" e "carecía das condicións mínimas hixiénico-sanitarias, iluminación e ventilación adecuada".