Os bombeiros de Santiago liberan un condutor que bateu contra un camión en Marrozos
Ambos os vehículos envorcaron despois de colidir lateralmente nun stop da N-525
O ocupante do turismo foi liberado e trasladado en ambulancia ao hospital
A colisión produciuse pasadas as nove da mañá na nacional 525, á altura de Marrozos, en Santiago de Compostela. Un turismo e un camión de pequenas dimensións envorcaron despois de bateren lateralmente nun stop de incorporación á vía en dirección a Ourense.
"Non se sabe ben se bateron na parada da liña do stop ou máis adiante. Se ve que o camión non veu o turismo, quizais influíu o sol da mañá e, claro, varreuno e envorcaron os dous", sospeita un veciño que asistiu aos accidentados.
O ocupante do camión resultou ileso e logrou saír coa axuda das persoas que informaron o 112. Pero o ocupante do turismo quedou atrapado tras o impacto. Os bombeiros de Santiago tiveron que retirar o teito do coche para liberalo.
"Co impacto quedou atrapado e foi desprazado ao asento do copiloto, no lado oposto. Levou tempo sacalo, era corpulento", explica Miguel Ángel Arca, xefe de dotación dos bombeiros de Santiago.
O home, duns 50 anos, estaba consciente pero ferido e tivo que ser trasladado en ambulancia ao hospital de Santiago.
"Estaba consciente e colaboraba como podía, pero tiña moita dor", engade o bombeiro.
A Garda Civil investiga agora as causas do sinistro, que provocou moita expectación e lixeiras retencións de tráfico nesta parroquia santiaguesa.