Ingresa en prisión tras enfrontarse e ameazar a policía de Arteixo cunha machada
Perseguírono por varías rúas das vila e tiveron que usar a pistola táser en dúas ocasións para reducilo
As autoridades cualifícano como un individuo perigoso cun longo currículo delituoso e relatan enfrontamentos anteriores cos axentes
Berros na rúa como final dunha persecución case de película. Garda Civil e Policía Local acudiron ao domicilio dun home alertados pola propia familia. Estaba desatado. Cando chegaron, xa fuxiran. O primeiro asalto foi nunha rúa próxima.
"Tiña unha machada na man de grandes dimensións e ameazaba aos axentes tanto con lanzarlla como con tratar de agredilos. Houbo que reducilo inicialmente cunha arma de inmobilización electrónica e caeu ao chan pero foi quen de sacar os eléctrodos, levantarse, volver a ameazar coa machada e volveu fuxir", explica Daniel Sánchez, inspector xefe da Policía Local de Arteixo.
O segundo e definitivo asalto, na rúa paralela á súa propia vivenda.
"Localizouse debaixo dunha furgoneta agochado. Tentouse sacalo pola forza pero non houbo maneira e houbo que volver dispararlle coa pistola electrónica", continúa o xefe da policía.
Levárono totalmente envolto, amarrárono porque non había maneira", conta unha testemuña. "Víronse tolos para reducilo que non podían con el", engade outra
Á lea sumouse a familia.
"Había moitos berros, moitos nervios. A policía agochábase detrás dos coches", comenta un veciño.
O detido é un home cualificado como perigoso, con dúas ordes de busca e captura ao lombo e un currículo que enche varias follas. Ten máis actuacións da policía contra el ca anos.
"Nós na policía local temos 69 actuacións con el de distinto tipo, intentos de agresión a policías, delitos contra a seguridade viaria, drogas, pelexas, de todo. Esta temporada que estaba el na casa os veciños estaban en alerta", lamenta Sánchez.
A máis sonada hai dous anos. Din os veciños que a ten tomada coas forzas da orde.
"Veu un cargamento de Garda Civil, Policía local, os de asalto da Garda Civil", lembra un veciño.
"Empezou a lanzar frechas á policía dende a ventá, machetas, barras de ferro, todo tipo de obxectos e, de feito, provocou grandes estragos nun un coche policial", completa o inspector xefe da policía local.
O individuo xa está en prisión, pero en Arteixo dan por feito que non tardarán en volver cruzarse con el.