Publicador de contidos

Publicador de contidos

A acusada de prostituír a filla en Monforte di que era ela a que se prostituía para alimentar a rapaza

A acusada de prostituír a filla en Monforte di que era ela a que se prostituía para alimentar a rapaza

A fiscal solicita para ela 28 anos de cárcere por prostitución infantil e 14 para o suposto cliente por agresión sexual continuada á menor

G24.gal 25/03/2025 15:46 Última actualización 25/03/2025 16:13

A Audiencia Provincial de Lugo acolleu este martes o xuízo a un home e unha muller de Monforte, que están acusados de agresión sexual continuada e de prostitución infantil dunha menor, filla dela.

Solicítase para el unha pena de 14 anos de prisión e unha indemnización de 70.000 euros para a moza, mentres que para a nai, suposta indutora, pídense 28 anos, 14 por cada un dos delitos que se lle imputan, máis unha indemnización de 120.000 euros.

Ademais do Ministerio Fiscal actuaron no xuízo a acusación particular e outra popular a cargo da Fundación Amigos de Galicia, que leva anos presentándose en causas de violencia de xénero, abusos sexuais, malos tratos e violencia de menores. Eles elevaron nun ano as peticións de pena.

Os feitos xulgados déronse a coñecer en 2023, cando a menor, naquel entón de 15 anos, denunciou que a súa nai a obrigara a manter relacións sexuais con dous octoxenarios, situación que se repetía desde que ela contaba con 10 anos de idade. Un deles é o outro acusado, mentres que o outro, polo que tamén se xulga a nai, xa faleceu.

A vítima non declarou no xuízo, senón que se proxectou a entrevista que se lle gravou anteriormente, seguindo a normativa legal. Os avogados da defensa solicitaron a comparecencia da moza, algo ao que se negou o tribunal.

Un dos acusados di que non mantivo relacións coa filla, senón coa nai, e ao mesmo tempo indica que non lembraba nada

Si declararon os dous acusados. O home, de idade moi avanzada, contestou as preguntas unicamente do seu avogado, asegurando que nunca mantivera relacións coa rapaza, pero si coa nai, e que non se acordaba de nada. O letrado presentou un informe médico para confirmar que ten as capacidades cognitivas deterioradas.

A nai di que era ela a que se prostituía e que levaba a nena con ela porque non tiña con quen deixala

Pola súa banda, a muller asegurou non ter coñecemento das relacións sexuais denunciadas pola nena e que era ela a que se prostituía "para dar para comer" á súa filla.

Así, sobre o falecido, un dos dous casos polos que está acusada, asegurou que ía á casa para limpar e que levaba a nena con ela porque "non tiña con quen deixala", pero que nunca a deixou a soas co home. Tampouco soubo explicar nin xustificar as denuncias da menor.

Sobre o outro acusado, a muller asegurou que o coñecía e que lle ofreceu servizos sexuais a cambio de diñeiro, pero que era ela a que mantiña as relacións, sempre no coche e polas tardes, polo que levaba a nena con ela, de novo, "porque non tiña con quen deixala".

Matizou tamén que a menor saía do coche durante o acto ou quedaba dentro se eran eles os que saían, aínda que despois recoñeceu que os vira en varias ocasións. Para concluír, explicou que eses dous homes, aos que denunciou a moza por agresión sexual, eran clientes dela e que non eran os únicos cos que exercía a prostitución.

Durante o interrogatorio do Fiscal, a muller incorreu en varias contradicións con respecto ás declaracións que se fixeron na fase de instrución e respondeu en varias ocasións que non lembraba parte dos feitos ou a relación que tiña cos dous homes denunciados.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade