O mellor vendedor da ONCE de Galicia é de Ourense e vende na entrada do hospital
Rubén Rodríguez ten 51 anos e leva máis de 30 anos vendendo cupóns na entrada do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense
De entre nove compañeiros vendedores foi elixido como o mellor de toda Galicia
Cóntanos como cambiaron as cousas na venda de cupóns nestes tres décadas e di que o mellor é o trato coa xente
O mellor vendedor do cupón da ONCE en Galicia é de Ourense. Rubén leva máis de 30 anos vendendo cupóns na entrada do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO). Foi elixido de entre un grupo de nove vendedores de toda Galicia polo seu compromiso coa obra social da ONCE.
Rubén Rodríguez cóntanos sorrindo que comezou a vender xa no século pasado, "o 18 de maio de 1993". Máis de media vida leva o vendedor da ONCE Rubén Rodríguez co seu posto no recibidor do edificio Cristal do CHUO, en Ourense.
Este ourensán de 51 anos e con case 32 de experiencia acaba de ser elixido o mellor vendedor de Galicia.
"Contento non, hipercontento. Un auténtico orgullo. E deses nove, como o conto da lotería, a min nunca me tocou, que me vai tocar a min, pois tocoume", afirma.
E neste tempo moito cambiaron as cousas, pero non o seu bo humor.
"As cousas eran sinxelas, cando empecei a traballar era unha pinza cuns 200 ou 300 cupóns, unha bolsa e unha lista co papel dos premios", explica o vendedor.
Agora di que hai sorteos diarios e vendedores que tamén traballan as fins de semana. E conta para a venda unha morea de xogos activos e instantáneos, como os "Rasca," ademais dos cupóns especiais como os do día do pai ou da nai.
Todo está adaptado á súa discapacidade visual, e o seu terminal punto de venda é o seu gran aliado. Na rúa di que desapareceron moitas barreiras, pero lamenta que "a cidadanía aínda colabora moi pouco coa dispacacidade".
E o que máis lle gusta do seu traballo, Rubén Rodríguez di que é "andar pola rúa e sobre todo o trato coa xente". O mellor vendodor da ONCE de Galicia di que ten clientes desde que comezou a principios dos anos 90.
Recibirá o seu premio o vindeiro día 20 de xuño nunha gala da ONCE en Madrid onde premiarán a outros 22 mellores vendedores do ano 2024.