O transbordador do encoro de Portodemouros, unha viaxe de 48 anos
A barcaza une as dúas beiras da represa entre Vila de Cruces e Arzúa, entre Pontevedra e A Coruña
É un servizo gratuíto da compañía eléctrica concesionaria do encoro
Funciona as 24 horas ao día, os 365 días do ano
Encontramos a José Frade, Pepe, un usuario habitual da barcaza, a piques de embarcar. Natural de Loño, vive en Cruces pero atravesa case a diario o encoro para pescar, para ir ás festas locais ou simplemente para tomar un café en Beigondo. Comenta que nos días de festa do verán mesmo hai que agardar ata unha hora para subir á barcaza.
Sen querelo, el é parte da historia do transbordador. Un irmán afogou aquí, xunto outros catro rapaces, nunha barca de remos unha noite de verán de 1974. A traxedia foi o detonante para esixir un xeito seguro de atravesar o encoro. Así comezou funcionar hai 48 anos o Azulón Primero.
Cóntanos que os lugareños pedían unha ponte pero só lles puxeron a barca para salvar os trinta quilómetros que hai para chegar de Loño a Visantoña o que lles leva aos condutores un mínimo de media hora.
O encoro dividiulles en 1968 propiedades, terras de labranza, familia ou traballos. O transbordador, onde caben ata cinco turismos ou unha cisterna de xurro, evítalles o rodeo a traballadores en ruta e a mocidade que vai de festa a Melide.
Dun tempo a esta parte tamén os turistas están a descubrir a zona, con varios roteiros de natureza, e o servizo da barcaza.
Os barqueiros non lembran máis ca unha interrupción, unha tarde, por temporal nos anos que levan aquí, e o máis veterán vai para 38. Son dez traballadores en quendas de 8 horas, día e noite. Manolo, fillo dun dos primeiros barqueiros, e José Ángel, patróns do Azulón, notan ben o aumento de usuarios. Disque nos días fortes poden facer ata 60 viaxes e que de noite, non paran nos días de festa.
A vida enteira da comarca pasa por aquí, en apenas tres minutos de viaxe.