Reanúdanse os primeiros voos en Heathrow tras unha xornada de caos no tráfico aéreo
Un incendio nunha subestación eléctrica obrigou a pechar o aeroporto con máis tráfico de Europa
Máis de 1.300 voos e 220.000 viaxeiros afectados
Cun incendio de madrugada comezaba unha xornada sen precedentes nos case 100 anos de historia do aeroporto de Heathrow. O sinistro na subestación eléctrica de Hayes comezou de madrugada, non quedou controlado ata primeira hora da mañá e as instalacións seguían fumegando aínda esta tarde. Quedaron sen luz 70.000 veciños, pero tamén o quinto aeroporto con máis tráfico do mundo.
Ata media tarde, non se recuperou parte da subminsitración e se retomaron algúns voos, aínda que o aeroporto non funcionará a pleno rendemento ata mañá.
Máis de 1.300 voos tiveron que ser cancelados ou desviados a outros aeroportos británicos e mesmo a outros países: a España viñeron 7.
Víronse afectados 220.000 pasaxeiros. En España, canceláronse medio cento de voos, case todos con orixe ou destino en Baraxas ou no Prat.
"Iamos facer escala en Londres para ir a Chicago. Non recibimos cando imos ir, onde imos quedar. Aquí dinnos que chamemos á aeroliña, pero o sistema está colapsado", conta un viaxeiro.
Outro explica que lle "chegou un mail de que me cancelaran o voo e, despois dunha hora, recolocáronme para o día 23. Tiña coche de alugueiro contratado, o cuarto". E unha muller esperaba que "nos devolvan o diñeiro porque son tres noites de hotel máis o voo".
Nada se sabe das orixes do incendio. A unidade antiterrorista da Policía Metropolitana de Londres asumiu a investigación seguindo o protocolo de calquera incidente nunha infraestrutura crítica.
Aínda que non se desbota a sabotaxe, as primeiras hipóteses apuntan a un fallo no sistema de refrixeración da planta eléctrica.