Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un novo roubo sacode a veciñanza de Castrelo de Miño

Un novo roubo sacode a veciñanza de Castrelo de Miño

Tras dous meses de tranquilidade, esta fin de semana os ladróns volveron actuar na zona

Forzaron a porta dunha vivenda e levaron xoias e 4.000 euros en efectivo 

Os ladróns rebentaron a porta de acceso
G24.gal 23/03/2025 19:52 Última actualización 23/03/2025 20:22

Totalmente revolta atoparon a súa vivenda os propietarios, tras pasaren tres ou catro horas fóra. Os ladróns aproveitaron a súa ausencia para baleiraren armarios e caixóns.

"Ao ver a roupa, pensei que fora o can, pero o can non fai estas cousas. Entón xa me fixei que alguén entrara", comenta a dona da casa.

Sospeitan que os ladróns sabían o que buscaban. Había só un par de días que venderan un vehículo e aínda tiñan os cartos na casa. Tamén lles levaron xoias. 

"Vimos que iso non estaba, e tampouco un anel da miña avoa, que morreu hai pouco, xoias... Diñeiro eran uns catro mil euros. As xoias non sei, cousas de ouro e, sobre todo, valor sentimental", explica.

Para entrar, rebentaron unha porta. O mesmo procedemento empregado noutros roubos anteriores na mesma zona.

"Non nos sentimos moi seguros, a verdade, sobre todo porque isto xa pasa desde hai bastante tempo. Os últimos meses parou un pouco, pero xa", lamenta a dona da casa.

En xaneiro, a Garda Civil detivera un veciño da zona por varios roubos. Era a segunda vez que o arrestaban. Pero non se sabe, polo momento, se este novo caso está relacionado cos anteriores.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade