O buque con munición que sufriu un corremento de carga hai 21 días abandona Vigo
A operación para recolocar a mercadoría estivo supervisada por persoal especializado desprazado dende Holanda
O buque HC Eva Marie, que leva a bordo contedores con munición, abandonou este domingo o porto de Vigo tras permanecer atracado, desde o 26 de xaneiro, no peirao Transversal ao sufrir un corremento de carga.
Segundo informou a Autoridade Portuaria, a operación para solucionar o problema comezou o sábado pasado. Ademais de Estibadora Galega e Pérez & Cía, participaron nove traballadores especializados e expertos desprazados desde Holanda, encargados da supervisión.
Ademais, tanto no buque coma en terra despregouse un dispositivo de vixilancia no que participaron a Garda Civil, a Policía Portuaria, Capitanía Marítima, persoal de Explotación e Seguridade da APV e unha empresa de seguridade privada para custodiar a zona.
Varias fases
Nun primeiro momento, as tarefas centráronse na inspección minuciosa de cada contedor. A continuación, recolocaron noutra adega os que non presentaban ningún tipo de incidencia. Despois, o persoal especializado trasladou a mercadoría dos contedores afectados a uns novos.
Unha vez finalizados os traballos de remoción, desconsolidación e posterior trincaxe dos 96 contedores que viaxan a bordo do HC Eva Marie, o buque abandonou este domingo o porto da cidade olívica rumbo a Alemaña.
O presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana, agradeceu o "magnífico traballo" do persoal que colaborou no operativo.