Rescatan un operario que quedou atrapado máis de catro horas nunha gabia en Vilarmaior
Debido á complexidade da situación, desprazáronse ata o lugar a efectivos dos bombeiros de Betanzos, de Arteixo e de Narón, así como do GES de Mugardos e de Protección Civil de Miño
Logo da súa liberación, o home foi atendido por unha ambulancia medicalizada e trasladado ao hospital
O Consorcio Contra Incendios e de Salvamento A Coruña axudou no rescate dunha persoa que quedou máis de catro horas atrapada nunha gabia de canalización de tubaxes no municipio de Vilarmaior.
Foi sobre as 15:40 horas deste pasado luns cando o parque provincial de bombeiros de Betanzos recibiu o aviso de que unha persoa quedara atrapada de cintura para abaixo nunha gabia durante labores de canalización de tubaxes no lugar de Libureo, na parroquia de Doroña.

Debido á complexidade da situación, foi necesaria a colaboración de efectivos doutros servizos de emerxencias da zona, incluíndo persoal dos parques de Arteixo e Narón, así como do GES de Mugardos e de Protección Civil de Miño
Tras máis de catro horas de traballo coordinado, a persoa foi liberada ás 19:30 horas e atendida no punto por unha ambulancia medicalizada. Despois, foi trasladada ao Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol.