Publicador de contidos

Publicador de contidos

A DXT inicia unha campaña especial de vixilancia de camións e autobuses

A DXT inicia unha campaña especial de vixilancia de camións e autobuses

A campaña da Dirección Xeral de Tráfico (DXT) comeza este luns 17 de febreiro e rematará o domingo, día 23

Na campaña de febreiro de 2023 a DXT controlou 4.238 vehículos e 653 foron denunciados

A campaña de vixilancia de camións e autobuses estará operativa ata o domingo 23
G24.gal 16/02/2025 22:05 Última actualización 17/02/2025 14:52

A Dirección Xeral de Tráfico (DXT)  comeza este luns unha nova campaña de vixilancia e control de tráfico centrada na supervisión de camións e autobuses. A campaña de vixilancia vai durar toda a semana e remata o domingo, día 23 de febreiro.

A Delegación do Goberno en Galicia comunicou que a campaña, que vai contar co apoio das diferentes xefaturas provinciais de tráfico, ten como estratexia fundamental a tolerancia cero cos comportamentos de risco. Vixiará as causas concorrentes máis habituais na sinistralidade, como poden ser as distraccións, a velocidade e o consumo de alcol ou outras drogas.

"Hai unha razón fundamental e é que os accidentes en que participan autobuses e camións pois adoitan ser de maior gravidade en termos tanto de danos físicos como de vidas humanas ou de gravidade das feridas", apunta o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada.

"As dimensións, o peso que levan, a mercadoría que poidan levar no caso dos camións, o transporte de persoas no caso dos autobuses, fai que calquera incidente, calquera descoido poida ter un desenlace fatal", explica Paula Yubero, xefa provincial de Tráfico.

Durante toda a semana que vén a DXT vai intensificar a inspección dos vehículos de transporte de mercadorías e pasaxeiros prestando especial atención á documentación do vehículo, á súa correcta habilitación e inspección, revisando os tempos estipulados de condución e descanso, así como os excesos de velocidade e o consumo de alcol ou drogas.

Nun dos controis desta mañá en Vigo tiveron que inmobilizar un camión por incumprimentos reiterados dos tempos de descanso obrigatorios. A multa ascende a máis de 4.000 euros.

"E este con máis motivo porque é un vehículo estranxeiro, entón mentres non faga efectivo o pagamento da infracción ten que quedar inmobilidado", indica Maciel, garda Civil de Tráfico,

Segundo os datos deste mes de febreiro do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, en Galicia operan máis de 15.800 empresas de transporte de mercadorías e de autobuses, en liñas regulares e non regulares.

Respecto á sinistralidade en camións inferiores a 3.500 quilogramos, desde 2020 Galicia suma tres mortos, e en camións de máis de 3.500 quilogramos houbo oito mortos.

Desde 2020 hai que lamentar 7 mortos por accidente de autobús en Galicia. As vítimas eran todas pasaxeiras do autobús accidentado na provincia de Pontevedra na Noiteboa do ano 2022. Nese accidente o autobús caera ao río Lérez.

Na campaña de febreiro de 2023 a DXT controlou 4.238 vehículos

A última campaña especial de vixilancia e control de tráfico centrada neste tipo de vehículos celebrouse en febreiro de 2023 e a Garda Civil controlou un total de 4.238 vehículos e 653 foron denunciados.

As denuncias máis frecuentes foron por erros na documentación do vehículo, en total 55 denuncias; problemas no chasis e accesorios, 50 sancións, e por exceso de peso houbo 40 denuncias.

Dos 173 autobuses que pasaron os controis oportunos 33 foron denunciados, dezaseis na Coruña, catro en Lugo e trece en Pontevedra.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade