Unha empresa compostelá probará en humanos unha terapia para previr a gripe
A empresa Smart Vitamins leva estudando a mesma terapia en roedores cunha eficacia dun 100 % nos ensaios
O estudo en humanos, cun spray nasal, realizarase no Reino Unido e comezará a finais deste ano ou a inicios de 2026
Contan cun investimento privado de algo máis de 2 millóns de euros
Os ensaios preclínicos con roedores lograron previr nun cen por cento dos casos o desenvolvemento da gripe tras unha infección polo virus da influenza. A empresa biotecnolóxica galega Smart Vitamins, con investigadoras galegas e nacida da Universidade de Santiago, quere trasladar eses resultados a un ensaio con humanos a través dunha terapia para previr a enfermidade.
"Nós o que fixemos é administrar aos roedores a terapia por vía nasal e logo infectalos e vimos que ningún deles contraía a enfermidade. Os resultados foron tan espectaculares que decidimos repetir os experimentos e xa constatar por duplicado a efectividades desta terapia", di Alfredo Bermúdez de Castro, CEO da empresa Smart Vitamins.
O ensaio en humanos realizarase no Reino Unido e comezará a finais deste ano ou a inicios de 2026. Contan cun investimento privado de algo máis de 2 millóns de euros. A terapia, complementaria ás vacinas, realízase a través dun spray nasal.
"Necesitamos unha empresa altamente especializada en virus e influenza e despois de tratar de localizar a nivel global unha destas características atopamos un moi bo candidato no Reino Unido", engade.
Nos vindeiros meses intentarán validar a eficacia da terapia noutros virus respiratorios como o Sars Cov 2 e o virus respiratorio sincitial.
"A nosa terapia demostrou en roedores que é unha capacidade profiláctica, isto impide que o virus, neste caso a influenza, se implante e replique e infecte por tanto a persoa", asevera.
Se os resultados dos estudos da terapia son os correctos, traballan cun horizonte temporal de entre tres e catro anos para a súa comercialización.
