Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rehabilitan as antigas vivendas de mestres para alugueiro social en Cartelle

Rehabilitan as antigas vivendas de mestres para alugueiro social en Cartelle

As antigas escolas rurais, actualmente pechadas e sen uso, teñen unha nova vida no concello ourensán de Cartelle

Rehabilitáronas para alugueiros sociais cos que atraer novas familias a este concello, que presume de ser dos que máis poboación gañaron desde a pandemia

G24.gal 27/01/2025 14:37

En Nogueiró recíbenos Jesús. Chegou coa súa muller desde Costa Rica, antes xa da pandemia.

Jesús Daniel Ramírez, beneficiario do alugueiro municipal: "A miña muller é neta dun galego que chegou a Costa Rica nos anos 20 e nunca volveu".

Tras moitas dificultades para conseguiren unha vivenda axeitada a un prezo accesible, agora son os novos inquilinos da antiga casa da mestra. Pagan 200 euros ao mes por unha vivenda totalmente equipada.

"A localización permitía poñer fibra, moi importante para nós, o autobús para o colexio da nena para aquí en fronte...", explica Jesús.

En Cartelle, un extenso concello do interior de Ourense con máis de sesenta núcleos de poboación, viven 2.500 persoas. O acceso á vivenda é para o alcalde unha das claves para fixar poboación.

Jaime Sousa, alcalde de Cartelle: "Levamos aumentado sobre 200 habitantes nun ano. Manter poboación hoxe en día no rural é moi complicado e nós estámolo logrando".

Rehabilitaron catro casas de mestres coas axudas da Xunta para alugar vivendas de titularidade municipal, destinadas a familias e persoas en situación vulnerable.

Eladio Ferro, beneficiario do alugueiro municipal: "Unha persoa coma min, que andou polo mundo rodando, pensar en chegar á miña idade, case 85 anos, e atoparme cun apartamento así, nin de broma, nin soñar".

A convocatoria de 2025 contempla máis de dous millóns de euros para iniciativas deste tipo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar