O CHUS realiza unha analítica que evita 1.000 TAC ao ano
A técnica analiza dous biomarcadores en sangue de dano neurobiolóxico
Unha analítica de sangue que realizan no servizo de urxencias do Clínico de Santiago, consegue evitar a realización de 80 TAC ao mes. É unha nova técnica, rápida e moi fiable, que se lles aplica aos pacientes con traumatismo encefálico leve. Os casos máis frecuentes de atención nas urxencias hospitalarias son traumatismos por caídas ou accidentes: moitos deles son golpes na cabeza que provocaron algún grao de atordamento nos pacientes, e que ten que ver un médico.
"As caídas son unha causa das máis frecuentes. Por sorte, a maioría deses traumatismos son leves ou moderados", dixo Plácido Mayán, o Coordinador do Servizo de Urxencias do CHUS.
O Clínico de Santiago conta cunha nova técnica, unha analítica de sangue, para eses golpes menos graves, os que non precisan un TAC urxente. Nos laboratorios do CHUS comproban dous valores, dous biomarcadores, que permiten saber en 45 minutos se o golpe deixou algún dano neurolóxico.
"Cando esa proba é negativa garante que non existe dano neurolóxico. A verdade é que estamos vendo que en determinados pacientes, por baixo dos 70 anos, que é nos que mellor é o resultado, estamos evitando a realización de ata 80 TAC ao mes. Ao final o que facemos é reducir tempos de espera, reducir carga asistencial ao servizo de radioloxía e reducir a radiación ao paciente que tamén é moi importante", explicou Plácido Mayán, o coordinador do Servizo de Urxencias do CHUS.
O sistema axiliza os tempos de diagnóstico en urxencias e permite reducir as esperas e deixar máis recursos para pacientes críticos ou de código ictus.