Neurocientíficos do IDIS desenvolven unha nova terapia para tratar o ictus isquémico
Indagaron na causa de que os fumadores tivesen mellor recuperación e lograron un tratamento inocuo que, en fase preclínica, demostra eficacia para reverter as secuelas dos infartos cerebrais
O grupo de investigación do Neuroenvellecemento do IDIS acaba de patentar unha terapia destinada a mellorar a recuperación tras un ictus isquémico. Primeiro constataron que, tras un ictus, os pacientes fumadores tiñan unha mellor recuperación.
"Observamos que a nicotina era quen de inhibir unha molécula no cerebro chamada AMPK e dese xeito ter capacidades neuroprotectoras", explicou Alberto Ouro, investigador principal deste estudo.
Pero a nicotina e fumar supoñen un risco grave e había que buscar outro xeito, inocuo e eficaz, para inhibir esa proteína, sen efectos secundarios. O que patentaron é un plásmido para inhibir a actividade catalítíca desta enzima. Un tratamento que usa unha vesícula extracelular para chegar ao destino.
"Con este mecanismo, nós o que podemos facer é atravesar a barreira hematoencefálica e liberar o contido destas vesículas para tratar o ictus. Demostramos que o sistema que desenvolvemos é eficiente", subliñoi Alberto Ouro, investigador do Grupo de Neuroenvellecemento do IDIS.
Na resonancia que lles fan ás ratas vese que este mecanismo consegue diminuír a lesión na zona que os neurólogos denominan penumbra, onde os danos que causa a perda de osíxeno e nutrientes poden ser reversibles se se collen a tempo.
O estudo está aínda en fase preclínica, pero abre unha boa expectativa para atallar problemas na fala, de visión, cognitivos ou de mobilidade que poden quedar tras un infarto cerebral. Un novo logro para este laboratorio de neurociencias de Santiago onde estudan tamén o alzhéimer, a migraña e o queratocono.