Tres hospitais galegos e científicos da USC colaboran nun ensaio clínico para tratar a vertixe persistente
Tres hospitais galegos e científicos da USC colaboran nun ensaio clínico para tratar a vertixe persistente
Tres hospitais galegos e científicos da USC colaboran nun ensaio clínico para tratar a vertixe persistente
Un 50 % da poboación vai ter nalgún momento da súa vida un problema de vertixe
Os cálculos algorítmicos dos físicos de USC achegan posibilidades de tratamento individualizadas para os casos máis difíciles
Un 50 % da poboación vai ter nalgún momento da súa vida un problema de vertixe. A máis persistente orixínase no oído interno polo desprendemento dunhas boliñas de calcio e provoca mareos, caídas e vómitos. Un ensaio clínico de científicos galegos, no que participan físicos e matemáticos da USC, abre agora novas posibilidades de tratamento.
O ensaio clínico que está dando resultados prometedores, especialmente en doentes que non responden ben ao tratamento convencional.
"Hai unha porcentaxe de doentes, un 10 %, nos que esas manobras non son efectivas, probablemente porque non as facemos coa precisión suficiente para adaptalas á anatomía do oído da persoa", afirma Andrés Soto, o xefe do Servizo de Otorrinolaringoloxía do CHUS.
Porque hai anatomías máis particulares. Desde o punto de vista dun físico, o problema vese como xeometría e dinámica de fluídos. Cando as canles que temos no oído son menos convencionais, a secuencia de manobras para sacar dos condutos do oído as boliñas de calcio que provocan a vertixe ten que partir dunha medición máis exacta.
"Porque a súa xeometría é diferente do normal. En vez de estar esas tres canles nas tres dimensións do espazo, teñen unha xeometría diferente. Entón resolvemos ecuacións físicas que describen como é o movemento das boliñas dentro deses fluídos que están aí dentro", explica Alberto Pérez Muñuzuri, físico e investigador da USC.
"Nós facémoslle unha resonancia magnética ao paciente para ver como é o seu oído. Os físicos fan unha simulación matemática para calcular o que son os ángulos da posición deses condutos do oído e nós na cadeira, que nos permite unha precisión moi grande nos movementos da cabeza, facemos a manobra", engadiu Andrés Soto, o xefe do Servizo de Otorrinolaringoloxía do CHUS.
Unhas manobras que levan detrás millóns de ecuacións: cálculos algorítmicos individualizados para cada paciente que usan intelixencia artificial e que están conseguindo taxas de rehabilitación da vertixe próximas ao cen por cento.