Un condutor ebrio estrélase contra unha terraza e catro coches aparcados no Pino
O home, que deu positivo no control de alcolemia, está a ser investigado por un delito contra a seguridade viaria
Un coche esnafrouse esta madrugada contra a terraza dun restaurante do concello do Pino. O condutor, que deu positivo no control de alcolemia, foise da vía e tamén levou por diante varios colectores do lixo e catro coches. El saíu ileso.
O establecemento está situado na nacional 547, no Pedrouzo. Pasadas as 5:00 da mañá, o turismo bateu contra os colectores, logo contra as mesas da terraza e, ao final, contra varios vehículos que estaban aparcados.
Seguiu a marcha
O máis afectado, quedou desprazado uns 20 metros pola forza do impacto. O condutor seguiu a súa marcha e bateu contra outro coche que estaba estacionado na outra beira da vía.
Detívose un pouco máis adiante, nunha pista a carón da estrada. Segundo informou a Garda Civil de Tráfico, deu positivo no control de alcolemia, cunha taxa de 0,70 miligramos por litro.
O condutor, que saíu ileso, está investigado por un delito contra a seguridade viaria. No restaurante tentaban esta maña amañar os danos, que, segundo o dono do bar, poden superar os 2.000 euros.