Madrugada xeada e con temperaturas baixo cero no interior de Galicia
Esta madrugada, houbo rexistros negativos nas catro provincias
Calvos de Randín volveu dar a mínima de Galicia, con -6,3 graos
Todo o interior de Galicia baixou dos cero graos esta madrugada, nas catro provincias, pero foi en Ourense onde máis se xeneralizaron os rexistros negativos, desde a alta montaña oriental, con cinco graos baixo cero en Trevinca, á propia cidade de Ourense, con menos un.
"A verdade é que hoxe vai moitísimo frío, pero parece que quere saír o sol, así que nun anaco xa se estará mellor", di unha moza de Xinzo.
Na Limia é onde máis sentiron o frío, desde Xinzo ata Calvos de Randín, pasando por Baltar, que rexistraron entre menos catro e menos seis graos baixo cero á rompida do día.
"Agora está de sol, pero a primeira hora había unha boa xeada", comenta un veciño.
"Pero un pouco menos ca onte, eh!", corrixe outro.
As xeadas duraron pouco. O sol saíu desde primeira hora e animou rapidamente a xornada.
"Para os limiaos non é un frío excesivo. É o normal deste tempo, unhas leves xeadiñas", di un veciño da Limia.
Ao longo do día, o termómetro subirá uns quince graos, deixando temperaturas ben agradables.