Madrugada de temperaturas baixo cero
Por non ser habitual, Sanidade alerta de que os pontevedreses serán os que máis acusen o descenso térmico
Na vindeira madrugada as temperaturas mínimas van experimentar un descenso notable en xeral en toda a comunidade.
"Ao frío non lle teño así moito medo, faime peor a calor".
"Hoxe sobra con que se tapar e ir quentiños".
"Hai que parapetarse ben e arranxar a papeleta como se pode".
"Non é algo que vaia durar un, dous meses, é dicir que se leva ben, non é Burgos, non é Zamora, lévase ben", comentaban hoxe en Lalín.
Será un episodio de frío puntual, pero Sanidade advirte de que poderá ter efectos negativos para a saúde, sobre todo nas zonas onde non están afeitos a mínimas de baixo cero. A provincia de Pontevedra é unha delas. De toda España será onde máis se van notar as consecuencias porque a media das mínimas adoita ser de catro graos. Hoxe en Lalín, un dos sitios máis fríos da provincia amenceron con 8.
"De oito a menos un hai un salto térmico importante", apunta un veciño de Lalín.
A diferenza será máis acusada nas Rías Baixas.
"Hoxe ía menos frío, si, estabamos a dez, once graos ás oito da mañá", conta un rapaz de Ribadumia
Pois mañá serán cero. Ante esta baixada, Sanidade lanza unhas recomendacións á poboación. Abrigarse con varias capas de roupa fina mellor que unha soa grosa, beber líquidos, comer moita froita e respirar polo nariz, para que non chegue tanto frío aos pulmóns. Precaución tamén co xeo e para evitar caídas utilizar calzado non esvaradío.