Condenado por afeitarlle as cellas e cortarlle o pelo á súa parella mentres durmía
Cando espertou meteulle parte do cabelo cortado na boca para rirse dela
A pena é de dous anos e catro meses un delito contra a integridade moral, un de lesións e outro de vexacións
Recibiu agravantes por discriminación de xénero e reincidencia, e un atenuante por consumo de alcol e pastillas
![Audiencia Provincial da Coruña](https://www.g24.gal/prog24/2025/20250207/Audiencia-provincial-a-coruna.png)
Un mozo foi condenado na Audiencia Provincial da Coruña por afeitarlle as cellas e cortarlle o pelo á súa parella mentres ela durmía. Cando espertou meteulle na boca parte da melena que lle cortara para rirse dela.
Por todo iso a pena imposta é de dous anos e catro meses de cárcere. Segundo os xuíces, o mozo é autor dun delito contra a integridade moral, coa agravante de discriminación por razón de xénero, amais dun delito de lesións.
E a isto tamén lle engade a agravante de reincidencia e un delito continuado de vexacións, porque os xuíces consideran probado que durante a relación que mantiveron era frecuente que o condenado lle gritara á súa parella e tamén a insultara con referencias ao seu aspecto físico.
O que si tiveron en conta foi a atenuante de alteración por consumo de alcol e pastillas. A sentenza non é firme, e aínda cabe recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.