Detido en Málaga un home acusado de asfixiar a parella nas Palmas de Gran Canaria
O presunto autor do crime foi localizado nunha estación de autobuses tras fuxir da illa
A vítima, de 49 anos, apareceu sen vida con signos de violencia no seu domicilio

A Policía Nacional detivo este martes en Málaga un home de 43 anos acusado de matar por asfixia á súa parella nas Palmas de Gran Canaria.
O arrestado, pasará a disposición xudicial este venres nos xulgados de Málaga por vía telemática debido a problemas derivados das condicións meteorolóxicas que impiden o seu traslado á illa.
A vítima, de 49 anos, apareceu sen vida no seu domicilio no barrio de Schamann con evidentes signos de violencia. A autopsia confirmou que a causa da morte foi a asfixia.
Foi a filla da muller a que deu a voz de alarma ao non conseguir comunicarse coa súa nai, con quen falaba a diario.
A investigación policial comezou de inmediato e as sospeitas dirixíronse cara á parella sentimental da vítima, con quen mantiña unha relación dende había varios meses.
O sospeitoso abandonara Gran Canaria con destino a Madrid e, posteriormente, a Málaga.
A coordinación entre distintas unidades da Policía Nacional -incluíndo a Brigada Móbil e axentes de Madrid, Málaga e outras provincias andaluzas- permitiu establecer un operativo que rematou coa detención do home por parte da Unidade de Atención á Familia e Muller (UFAM) de Málaga nunha estación de autobuses da cidade.
Condena institucional e chamada á acción
A ministra de Igualdade, Ana Redondo García, e a delegada do Goberno contra a Violencia de Xénero, Carmen Martínez Perza, expresaron nun comunicado a súa “condena absoluta” e o “rexeitamento máis firme” ante este novo crime machista.
Ambas trasladaron tamén todo o seu apoio e solidariedade ás familias e amizades da vítima.
Tanto a ministra como a delegada insistiron na necesidade de intensificar os esforzos desde todas as institucións, administracións e tamén desde a sociedade no seu conxunto para “chegar a tempo” e evitar novas mortes por violencia de xénero.