Publicador de contidos

Publicador de contidos

Villares, sobre a campaña do marisqueo: "Pido confianza nos plans da Xunta para recuperar a produción"

Villares, sobre a campaña do marisqueo: "Pido confianza nos plans da Xunta para recuperar a produción"

Villares manifestou que a ciencia e o saber son prioritarios na súa consellería

Alfonso Villares estivo no informativo Bos días da Televisión de Galicia
G24.gal 14/03/2025 10:19

Ciencia: nesa palabra pode resumirse a guía para regular a actividade pesqueira en augas europeas que segue o novo comisario de Pesca e Océanos, Costas Kadis, e que o afasta das políticas do seu predecesor, Virginijus Sinkevicius, cun plan que prevía a saída da frota das augas europeas protexidas no ano 2030. Ciencia e investigación pola que tamén se aposta en Galicia, na Consellería do Mar. Alfonso Villares estivo no informativo Bos días da Televisión de Galicia, onde manifestou que a ciencia e o saber son prioritarios na súa consellería e que a partir dese coñecemento hai que basear todas as decisións, e así se lle comentou ao sector. 

Villares falou das colaboracións coas universidades públicas, e unha das últimas que fixeron foi a investigación dunha alga asiática invasora para detectala antes de que chegue ás nosas costas e poida invadir a nosa biodiversidade. A Xunta e a USC estudarán os beneficios de rebaixar o IVE aos produtos do mar para estimular o seu consumo e reactivar economicamente o sector.

Esta colaboración súmase a outras que están en vigor, destinadas á recuperación, transformación e resiliencia de moluscos como o berberecho ou á avaliación da calidade do medio mariño e o seu efecto sobre o marisqueo.

Sobre a formación no sector, Villares referiuse á homologación da IMCA do IGAFA para a súa formación en mergullo abrindo novas oportunidades laborais para o seu alumnado noutros países. O conselleiro do Mar sinala este fito como aval dos rigorosos estándares e calidade educativa dos centros de formación marítimo-pesqueira autonómicos e da excelente capacitación coa que sae o alumnado ao mercado laboral.

O centro, dependente da Consellería do Mar, que é Centro de Referencia Nacional, xoga un papel fundamental ofrecendo formación especializada e a titulación de Técnico de Operacións Subacuáticas e Hiperbáricas. O conselleiro cre que é unha peza importante a profesionalidade dos nosos docentes e quere agradecerlles o ben que están a facer as cousas.

Marisqueo a flote

A volta do marisqueo a flote en distintas rías galegas non está sendo todo o boa que se agardaba. Villares subliñou que a vida dun molusco bivalvo ten un período para o seu crecemento, a ameixa necesita ano e medio, e por iso cre que coa base científica e falando co sector se conseguirán resultados positivos. Referiuse ao Plan de marisqueo, con 123 millóns de euros destinados, que pode ser unha vía para recuperar a produción que había anos atrás. Alfonso Villares pediu paciencia e confianza nos plans da Xunta para recuperar a produción.

Situación do mexillón

A crise do mexillón levou a Consellería do Mar a ampliar outra vez a capacidade das bateas.  A Xunta atende ao sector e permitirá a cada estrutura pasar de 100 a 150 cordas de recolección de cría, escasa polo cambio climático e os ciclos produtivos máis curtos. Destacou que este ano houbo unha boa produción de cría e cre que hai que traballar co sector para ver cales son os mellores resultados de produción. 

Ademais, a Consellería do Mar asinou un convenio coa Universidade de Santiago para realizar un estudo sobre a contaminación en polígonos de bateas nas rías galegas, que se desenvolverá ata o ano 2026, cando se presentarán os resultados. Villares destacou que a súa consellería destina 24 millóns de euros para investigación e ciencia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade