A planaria, unha especie exótica que devora bivalvos, chega a Galicia
Apareceu en Ribadeo, O Vicedo e Bergantiños e van facer mostraxes nas Rías Baixas
Os investigadores que a atoparon piden tranquilidade: "Polo momento non hai motivo de alarma"
A planaria fixo saltar as alarmas. Atopouna un biólogo da confraría de Ribadeo que estaba recollendo mostras na zona.
"Levaba facendo mostraxes desde mediados de xaneiro e non atopaba nada ata que a pasada semana abrín un mexillón e alí estaba a planaria papando nel", explica Daniel Prieto, biólogo da confraría de pescadores de Ribadeo.
Tamén se localizou en Asturias, no Vicedo e en Bergantiños, polo que cren que este verme plano orixinario de Nova Zelandia podería estar en máis puntos da costa. Van comprobalo con mostraxes nas Rías Baixas, pero, polo momento, a mensaxe é de calma.
"Polo momento estamos ante unha especie exótica que chegou aquí, atopamos uns poucos exemplares, hai que ver ata onde penetrou e a partir diso xa se verá. Pero, polo de agora, a situación non é para nada preocupante", di Juan Trigo, investigador da Sociedade Galega de Historia Natural e o GEMM.
Na Arousa amósanse preocupados ante unha potencial ameaza para a produción, posto que a planaria devora todo tipo de bivalvos.
"Alarmados non porque nas Rías Baixas non se atoparon casos aínda. Pero si hai preocupación porque como entre na ría pode afectar á produción en poucos meses e non sabemos que consecuencias podería chegar a ter", expón Germán Güimil, bateeiro de Vilanova de Arousa.
Ademais das prospeccións, estes investigadores van facer un estudo xenético das planarias atopadas para pensar liñas de actuación e previr o seu avance nos polígonos bateeiros galegos.