Publicador de contidos

Publicador de contidos

Escolares do Deza viaxan á prehistoria coa arqueoloxía experimental

Escolares do Deza viaxan á prehistoria coa arqueoloxía experimental

Usan materiais e técnicas prehistóricas para facer réplicas dos obxectos orixinais

Os obradoiros enlazan coa celebración do Congreso de Arqueoloxía do Deza esta fin de semana

G24.gal 18/03/2025 14:10

Pode parecer unha aula, pero estamos nunha mámoa, e hoxe toca enterrar unha guerreira que levará todo o preciso para sobrevivir na súa próxima vida. Así se ensina a prehistoria coa arqueoloxía experimental, que esta semana visita varios colexios de Lalín.

"Esta disciplina permite ensinar con obxectos tanxibles, que normalmente estarían en vitrinas de museo por seguridade e conservación. Traemos materiais iguais ou moi parecidos aos orixinais, e así o alumnado pode tocalos, sentilos e establecer vínculos emocionais coa arqueoloxía e o patrimonio", explica o arqueólogo Víctor Manuel García Piñeiro. 

Pequenos arqueólogos que hoxe viaxan 6.000 anos no tempo a un mundo sen pantallas, pero con tecnoloxías moito máis avanzadas do que poderían imaxinar.

"Non vivían moi mal, tiñan para comer, para vivir, para pelexar".

"Non tiñan casas tan boas como as de agora, pero así e todo eu prefiro a antigüidade".

"O que máis me gustou foi o das armas", din algúns estudantes do CEIP Xoaquín Loriga.

Esta actividade escolar é a antesala do primeiro congreso de arqueoloxía do Deza. Celébrase esta fin de semana con expertos que investigan un patrimonio que podería converterse en motor turístico da zona.

"Neste concello traballamos moito no castro de Doade, alí se fixeron varias intervencións. Na vertente turística a xente podería achegarse os xacementos para comprender as culturas, e para saber como funcionan as propias escavacións en si. Moitos non teñen claro o que facemos, veno como algo pechado ou moi protocolario, quizais", reflexiona o arqueólogo.

Na escavación ou na aula, o caso é aprender do pasado e, quen sabe, se espertar novas vocacións entre estes aprendices de arqueoloxía do Deza.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade