Recuperan máis de 100 restos de mamuts espoliados dun xacemento de Granada
Recuperan máis de 100 restos de mamuts espoliados dun xacemento de Granada
A Garda Civil detivo tres persoas acusadas de danos, encubrimento e apropiación indebida de material de interese científico-cultural
A Garda Civil recuperou máis de 100 restos de mamuts espoliados dun xacemento paleontolóxico en Granada e detivo tres persoas acusadas dos delitos de danos, encubrimento e apropiación indebida de material de interese científico-cultural.
Segundo informa o corpo armado, a operación Probos permitiu recuperar restos de mamuts extraídos dun xacemento próximo á lagoa de Padul, un humidal protexido dentro do Parque Natural de Serra Nevada.
Os feitos remóntanse ao mes agosto, cando o Servizo de Protección da Natureza (Seprona) soubo que nunha turbeira próxima apareceran restos de elefantes da era cuaternaria.
Non se trataba dun feito puntual xa que, habitualmente, aparecían fósiles de mamuts con máis de 12.000 anos de antigüidade, que as persoas investigadas gardaban para evitar que as descubrisen e paralizasen a súa actividade.
O equipo da Policía Xudicial do Seprona asumiu a investigación e obtivo imaxes dalgúns restos paleontolóxicos que os sospeitosos compartiran en redes sociais.
Durante as pescudas, contaron coa cooperación de Juan Manuel Jiménez Arenas, do Departamento de Prehistoria e Arqueoloxía da Universidade de Granada, e dun dos maiores expertos na fauna do Pleistoceno, Juha Saarinen, paleontólogo da universidade de Helsinki.
Ambos os dous científicos confirmaron que os restos "polo seu gran tamaño e a súa morfoloxía plana e redondeada demostran claramente a súa afinidade cos Proboscidea (mamuts e outros parentes dos elefantes)" e destacaron a relevancia patrimonial dos restos.
Restos óseos
Nunha inspección da turbeira, descubriron nun almacén dous sacos e unha bolsa de plástico con restos óseos compatibles con fauna de orixe paleontolóxica.
Despois, durante un rexistro voluntario do domicilio dunha das persoas investigadas, a Garda Civil localizou un molar de mamut en bo estado de conservación.
Os restos depositáronse no Museo Arqueolóxico e Etnolóxico de Granada, a disposición da autoridade xudicial competente, para asegurar a súa custodia e correcta conservación, xa que requiren dun tratamento especial.
Pola súa banda, a delegación provincial da Consellería de Turismo, Cultura e Deporte adoptou a medida cautelar de prohibir a extracción de material procedente da cara da canteira que dá ao parque natural.