Publicador de contidos
Publicador de contidos

Tres detidos por pegar e amordazar un home para roubar na súa casa en Sada

Tres detidos por pegar e amordazar un home para roubar na súa casa en Sada

Da vivenda levaron un teléfono móbil, unha tarxeta sanitaria, unha tarxeta de débito e diñeiro en efectivo

Un xuíz decretou o ingreso en prisión provisional sen fianza

G24.gal 24/01/2025 11:32

A Garda Civil detivo tres persoas implicadas nun roubo con violencia nunha vivenda en Sada, onde pegaron e amordazaron o propietario para subtraer diversos obxectos de valor. Os feitos ocorreron o 23 de novembro de 2024 no interior do domicilio.

O veciños deron a alarma, xa que escoitaron berros de auxilio provenientes do inmoble.

Cando os axentes chegaron ao lugar atoparon o propietario da vivenda tendido no chan, con múltiples feridas e amordazado con bridas en mans e pés.

A vítima, que tivo que ser trasladada ao hospital da Coruña para recibir atención médica, explicou que esa noite unha coñecida súa fora á súa casa e, nun descoido, deixou a porta aberta, o que facilitou a entrada dos ladróns.

O Equipo Territorial de Policía Xudicial de Betanzos asumiu a investigación dos feitos. Segundo o relato do propietario do inmoble, dous homes reducírono e golpeárono baixo as ordes dunha muller.

Da vivenda levaron un teléfono móbil, unha tarxeta sanitaria, unha tarxeta de débito e diñeiro en efectivo.

Grazas á identificación da muller por parte da vítima e ás descricións físicas dos outros dous autores, os axentes puideron centrar a investigación en tres sospeitosos da zona.

As pescudas revelaron que a tarxeta de débito da vítima foi utilizada nunha estación de servizo próxima, o que permitiu confirmar a identidade dos tres implicados, sendo un deles parella sentimental da muller.

Os investigadores lograron deter a parella en datas próximas ao roubo, pero o terceiro implicado fuxiu a Portugal e non o detiveron ata o seu regreso a España o 20 de xaneiro.

Un xuíz decretou o ingreso en prisión provisional sen fianza dos tres detidos. Impútanselles delitos de roubo con violencia, lesións e detención ilegal. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade