Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Audiencia Nacional propón xulgar oito responsables da venda das plantas de Alcoa na Coruña e Avilés

A Audiencia Nacional propón xulgar oito responsables da venda das plantas de Alcoa na Coruña e Avilés

A xuíza dá por finalizada a instrución do caso e sinala estes oito acusados por delitos de apropiación indebida ou administración desleal, insolvencia punible, branqueo de capitais e constitución ou pertenza a organización ou grupo criminal

No auto da maxistrada detállanse as fórmulas para descapitalizar as empresas e desviar activos cara ao seu patrimonio persoal e sociedades creadas para facerse coa súa propiedade

G24.gal 24/01/2025 11:37 Última actualización 24/01/2025 12:40

A xuíza María Tardón, da Audiencia Nacional propón xulgar oito persoas polas presuntas irregularidades no proceso de venda das plantas de aluminio de Alcoa na Coruña e Avilés co fin de descapitalizalas e de desviar os seus activos cara ao seu patrimonio persoal e cara ás estruturas societarias creadas para apoderarse delas.

No auto da maxistrada, que pon fin á instrución do caso, explica que os feitos son constitutivos de delitos de apropiación indebida ou administración desleal, insolvencia punible, branqueo de capitais e constitución ou pertenza a organización ou grupo criminal

As oito persoas contra as que procede son Víctor Rubén Doménech; Joachim Magim; Luis Losada; Francisco Javier Fernández de Bobadilla; Alexandra Camacho; Diego Peris; Antonio Fernández e Eduardo Julio García Hidalgo.

A resolución acorda ademais o sobresemento libre e arquivo das actuacións para unha persoa xurídica (ALCOA Inespal) e catro físicas que actuaron como representantes da mesma, e o sobresemento provisional para outras tres.

A xuíz lembra que a causa se inicia por unha querela presentada pola Confederación de Cadros Profesionais debido ao proceso de venda das plantas de produción de aluminio que a empresa Alcoa Inespal SL tiña na Coruña e Avilés dada a difícil situación económica que atravesaban.

A venda das plantas, explica, produciuse en dúas fases. Na primeira delas, o 31 de xullo de 2019, Alcoa vendeu o cento por cento dos dous centros de produción polo prezo simbólico de 1 euro ás mercantís Alu Holding AC Spain SLU e Alu Holding AVL 2019 Spain SLU, que foran creadas pouco antes pola sociedade Blue Motion Technologies, propiedade dun grupo suízo.

Na segunda venda, do 8 de abril de 2020, Blue Motion Technologies, incumprindo os termos do acordo de venda, volveu vender por 13 millóns de euros á sociedade española System Capital Company, que tamén fora constituída pouco antes por un dos investigados.

Para levar a cabo a venda, afirma o auto, os 13 millóns utilizados na operación detraéronse da tesourería das propias empresas que se ían vender, nunha operación deseñada polos investigados aos que propón xulgar.

A instrución revelou, continúa, que de forma previa á segunda venda uno dos investigados ordenou transferencias por unha cantidade próxima ao millón de euros desde as contas bancarias de Alu Ibérica a contas suízas de empresas que controlaba. Unha concatenada sucesión de actuacións para desviar activos cara ao seu patrimonio.

Igualmente, segundo a xuíz, a partir da segunda transmisión irregular das dúas factorías “empézase a desenvolver unha concatenada e reiterada sucesión de feitos que terían como obxectivo a descapitalización e despatrimonialización das entidades e os seus iniciais activos e o seu desvío e canalización, ben cara ao patrimonio persoal dos investigados, ben ás estruturas societarias que foron configurando ad hoc para apoderarse de aqueles”. Todo iso co consecuente prexuízo para os traballadores e acredores das empresas.

A modo de exemplo, indica, interpuxéronse sociedades na compra de produtos para incrementar artificialmente o seu prezo, simuláronse préstamos, desviouse diñeiro a mercantís controladas polos investigados, ou se asignou un soldo “desorbitado” a outra das investigadas.

Todas estas actuacións prolongáronse no tempo ata que foi nomeado un administrador xudicial polo xulgado da Audiencia Nacional en xullo de 2021 e decidiuse a solicitude de concurso de acredores das sociedades, que se acordou a finais dese ano.

Por último, a maxistrada destaca como os investigados investiron as ganancias obtidas na adquisición de criptomonedas co fin da súa posterior conversión a moeda de curso legal. Tamén ofrecerían a terceiras persoas unha remuneración a cambio de transformar diñeiro de orixe descoñecida en criptoactivos e, posteriormente, en diñeiro en metálico.

Unha vez ditado o auto de pase a procedemento abreviado, a xuíza dá un prazo á Fiscalía e as restantes partes acusadoras para que soliciten a apertura de xuízo oral formulando os seus escritos de acusación, o sobresemento da causa ou, excepcionalmente, a práctica de dilixencias complementarias.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade