O arqueólogo da escavación guíanos polo castro de Cameixa
O arqueólogo da escavación guíanos polo castro de Cameixa
Habitado durante catrocentos anos, o castro de Cameixa, en Boborás, conserva auténticas xoias da Idade do Ferro
Na última campaña, descubriron unha cabana e un novo muro
Un bosque autóctono, de sobreiras e carballos, condúcenos ata o castro de Cameixa, un asentamento pequeno cunha historia moi grande.
Jorge Lamas Bértolo, director da escavación: "É un asentamento fortificado da Idade do Ferro, cun amplo espectro cronolóxico que iría desde o século IV a. C. ata o século I d. C.".
O que fala é quen sacou o castro á luz, décadas despois de que Florentino Cuevillas e Xaquín Lorenzo o documentasen. Jorge Lamas, que leva sete anos escavando aquí co seu equipo, é quen nos guía entre as pedras. "O arqueólogo é un luxo, porque ti vés só ao castro e ves unhas pedras, non tes unha interpretación", sinala un visitante.
O achado máis recente, da última campaña, é unha edificación que nos remonta ás orixes mesmas do castro. "Estamos diante dunha das cabanas máis antigas do castro e dun tamaño máis grande", explica o arqueólogo.
Cóntanos que aquí traballaban os metais, extraídos das minas dos arredores e dun incipiente comercio. Un asentamento da Idade do Ferro, do que sobreviviron auténticas xoias. Tamén rescataron innumerables fragmentos cerámicos.
Jorge Lamas Bértolo, director da escavación: "Teño que recontar os deste ano, pero van máis de vinte mil fragmentos de cerámica, unha auténtica burrada".
Os anacos van pasado de man en man. A experiencia definitiva de inmersión na cultura castrexa.
"Como remontarte ás mans que o fixeron, a como vivían aquelas comunidades... É emocionante. Sentes unha emoción incrible", conclúe unha visitante.