Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta lanzará o luns unha nova edición do Bono Comercio

A Xunta lanzará o luns unha nova edición do Bono Comercio

O Goberno galego mobilizará 2,5 millóns nesta nova edición destinada ás compras de Nadal

O líder do PSdeG acusa o PP de bloquear a comisión que investiga os contratos da Xunta e "protexer" a Feijóo e asegura: "Se un non lle teme á verdade que problema hai?"

Pontón denuncia que en Galicia tárdase 378 días en tramitar a dependencia e hai 2.703 persoas en lista de espera para unha valoración: "É dunha crueldade intolerable"

 

O presidente da Xunta, este mércores no Parlamento de Galicia (EFE/Lavandeira jr) O presidente da Xunta, este mércores no Parlamento de Galicia (EFE/Lavandeira jr)
G24.gal 04/12/2024 08:35

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que a Xunta poñerá en marcha unha nova edición do Bono Activa Comercio durante este mes de decembro.

O máximo mandatario autonómico fixo este anuncio durante a sesión de control da Cámara galega, na que destacou que serán 2,5 millóns que se engadirán á última edición do pasado mes de novembro.

Asegurou que o obxectivo é que se "mova a economía",  "que se poidan seguir movendo os autónomos, para que a xente que o descargou e non o puido utilizar, o utilice", manifestou.

O Bono Comercio habilitarase o luns e permitirá gastar o saldo que teñan dispoñible na edición anterior, que saíu o pasado 4 de novembro e que se esgotou en tan só dous días".

Besteiro: "Vetan as comparecencias solicitadas polos grupos e quedan só coas que pedía o PP para pechar o círculo e ocultar a verdade"

José Ramón Gómez Besteiro, acusou o presidente galego de "non respectar o labor das institucións de Galicia" e puxo o exemplo da comisión parlamentaria que investiga o sobrecusto do Álvaro Cunqueiro e os contratos asinados pola Xunta.

O líder socialista acusou o presidente galego e ao PP de bloquear a comisión de investigación e vetar as comparecencias solicitadas pola oposición e indicou: "Se un non lle teme á verdade que problema hai?". Ao seu xuízo, se "protexen" a Feijóo para que non compareza no Parlamento "é porque consideran que o poden manchar".

Rueda defendeu o funcionamento da comisión de investigación; asegura que está servindo para que "a xente vaia aí a explicarse" e aféalle a Besteiro que só acudira en unha ocasión á citada comisión: "Vir aquí a falar de respecto ás institucións coa que está caendo no seu partido é non estar conectado coa realidade", aseguroulle tras acusar ao PSOE de "colonizar" institucións como o CIS ou a Fiscalía.

Ademais, na sesión o líder socialista incidiu na falta de respecto institucional do PP referíndose á lei de medios que aprobará en breve a cámara galega e que, segundo Besteiro, "consolida e amplía a manipulación dos medios públicos de Galicia".

Tirando de ironía, o líder dos socialistas galegos indicou: "Neste partidismo lamentable só lle falta levar os estudios dos informativos á sede do Partido Popular".

Pontón: "Para recibir axuda no domicilio teñen que esperar a que outra persoa faleza, é dunha crueldade intolerable"

A portavoz nacional do BNG denuncia que en Galicia unha persoa maior ten que agardar 378 días para tramitar a dependencia, "o dobre do que recolle a lei". "Non sei se imaxina a angustia das familias", afirma.

Segundo Ana Pontón, 2.703 persoas están neste momento agardando por unha valoración de grao ou pola resolución das axudas, o que sitúa á nosa comunidade na cuarta co maior tempo de espera". "Para recibir axuda no domicilio teñen que esperar a que outra persoa faleza -afirma-. É dunha crueldade intolerable".

O presidente da Xunta di ser consciente "de que hai xente en lista de espera" pero apunta que o problema da dependencia existe "en todas as comunidades autónomas".

Rueda repróchalle a Pontón que non lle reclame ao Goberno central "que cumpra a súa parte" e cifra en 2.500 millóns a cantidade que o executivo debe a Galicia. "Nesa carta aos Reis Magos non fixeron referencia aos seus aliados a cumprir coa lei de dependencia. Fagan algo, señora Pontón!".

Anuncia Rueda que a partir do ano que vén poderá facerse "nunha única solicitude a atención á dependencia e a discapacidade para reducir prazos, burocracia e ser máis eficaces".

Na sesión Pontón lembroulle ao presidente da Xunta que "cando Rajoy recortaba os dereitos e recursos da dependencia" el estaba "no consello da Xunta e calado sen dicir absolutamente nada" e pídelle a Rueda que duplique os equipos de valoración da dependencia e garanta que as tres novas residencias que vai doar a Fundación Amancio Ortega teñan unha "xestión pública".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade