Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os okupas de Marín abandonan o piso logo das protestas veciñais

Os okupas de Marín abandonan o piso logo das protestas veciñais

Ao parecer a intervención dun home, coñecido dos mozos e con autoridade sobre eles, puxo fin á ocupación ilegal dos molestos inquilinos

Os veciños incrementaron as protestas e denuncias nas últimas semanas ao aumentar os ruídos, os insultos e os actos vandálicos

Din os afectados que o piso quedou "coma un cortello: suxo, con pintadas e comida con mofo"

Pintadas feitas polos ocupantes no piso en que vivían sen pagar alugueiro dende o pasado verán
G24.gal 15/03/2025 21:18

Rematou o pesadelo que viviron durante meses os veciños dun edificio de Marín. Os okupas que lles facían a vida imposible abandonaron a vivenda esta madrugada. E fixérono de xeito pacífico, pola intervención dun misterioso personaxe. 

O desaloxo produciuse sobre as dúas da madrugada. Malia as protestas veciñais e a presenza policial, os okupas saíron pacíficamente. Foi chave, ao parecer, a intervención dun personaxe misterioso.

"Un home duns trinta e pico ou corenta anos. Chegou en moto, subiu e díxolles "xa está". Aínda os tivo que convencer un pouco abaixo. Coma un gurú, porque coa mesma, saíron", relata Andrés Pena, veciño que vive no andar inferior ao piso ocupado.

Unha vez que puideron acceder ao piso, situado no andar catorce, os veciños tomaron algunhas imaxes de como o deixaron, que non reflicten con toda a crueza as condicións nas que os mozos vivían. "Era como unha porqueira. Había pintadas ata no fondo dos armarios. E comida con balor de varios días", sinala Andrés.

Os propios ocupantes publicaron vídeos nas súas redes sociais facendo mofa das queixas dos seus veciños. Os afectados séntense aliviados por deixar de sufrir a molesta presenza dos okupas, que entraron no inmoble o verán pasado. Agora remataron os ruídos, os insultos e o vandalismo.

"Meterse coa xente, vandalizar os espazos comúns, insultos", di Andrés. "Ruídos, golpes, ambulancias, era algo tremendo. Ademais era unha xente descarada, que se lle chamabas a atención igual che contestaban mal. Agora estamos aliviados, polo menos de momento, porque esperemos que non volvan", comenta outro veciño.

Os residentes aseguran que van estar moi vixilantes cos novos inquilinos, para que non volva repetirse esta desagradable situación.

 

Minuto a minuto

Proba

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade