Publicador de contidos

Publicador de contidos

Desarticulado un grupo por extorsionar 250 persoas que accederon a anuncios de sexo

Desarticulado un grupo por extorsionar 250 persoas que accederon a anuncios de sexo

A Garda Civil detivo catro persoas e cifra en 18,000 euros a cantidade extorsionada ás vítimas

Os axentes esclareceron casos denunciados en sete provincias, entre elas, A Coruña

Foto: Garda Civil Foto: Garda Civil
G24.gal 07/03/2025 12:16

A Garda Civil desarticulou un grupo criminal que, presuntamente, extorsionou 250 persoas tras acceder a anuncios sexuais en redes sociais, nunha operación que se iniciou en 2023 e na que se detivo a catro homes.

Esclarecéronse polo momento casos denunciados en localidades de Cantabria, A Coruña, Murcia, Cádiz, Xaén, Granada e Asturias.

Tres dos detidos, de 26, 27 e 36 anos, están acusados de ser os presuntos autores das ciberestafas e ao cuarto, de 34 anos, considérano suposto colaborador necesario, por ser quen facilitaba aos anteriores "múltiples tarxetas de telefonía móbil a nome de terceiros", sinala o instituto armado nun comunicado.

Inserían fotos de mulleres en webs de contactos e despois chantaxeábanas

A Garda Civil explica que "o método utilizado polos ciberdelincuentes era a inserción en webs de contactos anuncios de índole sexual" nos que utilizaban imaxes de mulleres obtidas de diferentes redes sociais. Despois mandaban mensaxes ás persoas que fixeran uso desas páxinas, "chantaxeándoas economicamente para non revelar a súa identidade, utilizando ameazas contra a súa integridade física".

A investigación revelou a existencia de máis de 250 vítimas coas que mantiveron "conversacións ameazantes" e, tras realizar diferentes análises tecnolóxicas, determinouse que tanto quen mandaba as mensaxes ameazantes como quen se apoderaba do diñeiro atopábanse en Valencia. 

A Garda Civil localizou 23.000 euros en contas que sospeita que procede de estafas e os casos esclarecidos relacionados con esta extorsión suman 18.000 euros.

Dous anos tras a pista desta banda

O Equipo de Investigación Tecnolóxica da Garda Civil de Cantabria comezou en 2023 unha investigación pola denuncia dunha persoa que estaba a recibir "graves ameazas" tras acceder a unha páxina de contactos.

A Garda Civil indica que esta persoa pagara máis de 5.000 euros, aínda que continuaban as peticións de diñeiro.

Os investigadores atoparon diferentes similitudes entre estas ameazas e outras que se estaban producindo por diferentes puntos do país, "con idénticos propósitos e motivos" e que facían sospeitar que eran realizadas polas mesmas persoas.

Nestas ameazas, "facíanse pasar por perigosos proxenetas, amedrentando ás vítimas con mandarlles sicarios", e dicíanlles que irían aos seus domicilios "varios dos seus mellores homes para resolver o problema".

Acusábanos de molestar as mulleres que traballan para eles, "facéndolles perder moito diñeiro".

Ademais, utilizaban palabras ou expresións para simular ser orixinarios de países de Europa do Leste.

Tamén os ameazaban con que coñecían os posicionamentos dos seus teléfonos, o que "non era real" aínda que desta forma "aumentaban a sensación de medo nas vítimas".

E, ademais de dar instrucións para o pago de importantes cantidades de diñeiro, advertíanos das repercusións que poderían sufrir por non pagar ou por denunciar os feitos.

Nalgúns dos teléfonos acharon centos de imaxes de mulleres novas, conseguidas de diferentes redes sociais para ser utilizadas na creación de anuncios de contactos sexuais.

Nun dos terminais intervidos chegaron a utilizar ata 106 tarxetas de teléfonos diferentes con titularidades falsas.

Esta operación está dirixida polo Xulgado de San Vicente de la Barquera desenvolveuna a Garda Civil de Cantabria coa colaboración da de Valencia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade