Morre un home só na súa casa de Madrid e é devorado durante 15 días polo seu can
A voz de alarma dérona os veciños, alertados polos continuos xemidos do pastor alemán, chamado Rocky, e pola acumulación de excrementos no patio interior do inmoble

A Policía atopou este martes o cadáver dun home duns 70 anos que morreu só a principios deste mes e cuxo corpo fora parcialmente devorado polo seu can nun piso do distrito madrileño de Arganzuela, confirmaron fontes policiais. Os feitos tiveron lugar no número 28 da rúa Divino Valdés, no barrio de Delicias.
O falecido, identificado como Antonio, vivía só e non mantiña unha boa relación coa súa familia. A voz de alarma dérona os veciños, alertados polos continuos xemidos do pastor alemán, chamado Rocky, e pola acumulación de excrementos no patio interior do inmoble.
Segundo algunhas testemuñas consultadas polo diario El Mundo, Antonio era coñecido no barrio e adoitaba acudir con frecuencia a bares da zona, especialmente a un na rúa Jaime o Conquistador, onde levaban días sen verlle. Un veciño do edificio chamou o 112 ao sospeitar que algo grave ocorrera. Finalmente, os bombeiros accederon á vivenda tras cortar a reixa dunha xanela do edificio.
O corpo presentaba a cara e outras zonas parcialmente devoradas polo animal. Fontes policiais confirmaron que o falecemento se produciu por causas naturais, polo que se descartou abrir unha investigación criminal.
O can, que sobreviviu alimentándose do seu dono e bebendo auga de choiva acumulada en recipientes do patio, foi trasladado a un centro de protección animal municipal. Persoas da contorna aseguran que nos últimos meses o falecido estaba enfermo e cada vez máis delgado.