Máis de 8.900 migrantes faleceron en 2024, o ano máis letal da última década
A cifra supón un aumento do 2,1 % respecto a 2023,
O maior número de mortes no Mediterráneo rexistrouse en 2016 e o menor en 2020
"As elevadas cifras mostran a necesidade duns sistemas de salvamento e rescate adecuados e de establecer rutas migratorias seguras e regulares como alternativas a moitas perigosas travesías", subliñou a axencia de Nacións Unidas

Polo menos 8.938 persoas morreron en rutas migratorias en todo o mundo en 2024, a cifra máis alta desde que en 2014 comezara os seus rexistros a Organización Internacional para as Migracións de Nacións Unidas (OIM).
A cifra publicada este venres supón un aumento do 2,1 % respecto a 2023, cando se rexistrou a morte de polo menos 8.747 migrantes, e é o cuarto ano consecutivo no que as vítimas aumentan desde 2020, o ano con menos falecementos en parte pola redución dos fluxos que produciu a pandemia de CONVID-19.
Por primeira vez desde 2019, a ruta mediterránea non foi a máis letal para os migrantes; nela faleceron o pasado ano polo menos 2.452 persoas, mentres que o maior número de mortos se produciu nas de Asia, onde fluxos como o de afgáns a Irán se situaron entre os máis perigosos no mundo.
As rutas migratorias africanas rexistraron polo menos 2.242 mortos, as de América 1.233, e polo menos 233 migrantes faleceron en Europa, segundo as cifras da OIM, que utiliza para este seguimento as estatísticas do Proxecto Migrantes Desaparecidos, permanentemente actualizadas.
"As elevadas cifras mostran a necesidade duns sistemas de salvamento e rescate adecuados e de establecer rutas migratorias seguras e regulares como alternativas a moitas perigosas travesías", subliñou a axencia de Nacións Unidas.
Segundo a OIM, polo menos un 10 por cento de todas as mortes foron violentas, algo que a organización atribuíu ás perigosas travesías en Asia. A axencia subliña que as estatísticas ocultan probablemente un número real de vítimas moito maior, pola falta de cifras oficiais en moitos casos, un problema que tamén impide coñecer as identidades e orixes de moitos dos mortos nesas rutas.
Sumando os 11 anos de seguimento realizados polo Proxecto Migrantes Desaparecidos, o Mediterráneo mantense como a ruta máis perigosa do mundo, con 31.722 vítimas, seguida de lonxe por África, América, Asia, Oriente Medio e Europa.
No Mediterráneo, con todo, rexistrouse o ano pasado un descenso do 22 % no número de mortes e desaparicións, tras as 3.155 de 2023, e este descenso foi o primeiro desde 2020. Das 2,452 mortes rexistradas en augas mediterráneas o pasado ano, 1.719 producíronse na ruta central (principalmente a que une Libia con Italia), outras 558 na occidental, que inclúe a España, e 175 na oriental.
O maior número de mortes no Mediterráneo rexistrouse en 2016, e o menor en 2020.