Nova lei para evitar que cada español perda 250 euros no lixo
Cada segundo van ao lixo en España 250 quilos de comida, e o 97 % procede dos fogares
A norma contra o desperdicio inclúe sancións de ata 500.000 euros
Cada segundo van ao lixo en España 250 quilos de comida, e é nos fogares onde máis se malgasta. A nova lei de desperdicio alimentario pretende acabar con iso, e impoñer a cultura de cero refugallos por cuestións sociais, pero tamén ambientais e económicas.
1.300 millóns de toneladas de alimentos van ao lixo cada ano, case un terzo da produción mundial. España non se libra, calcúlase que perdemos case 250 euros por persoa e por iso se aprobou esta nova lei. A produción de alimentos implica un gran consumo de auga e enerxía e a norma afecta a supermercados, distribuidores, bares e restaurantes.
Segundo conta o restaurador Pablo Gallego, implica "dende o granxeiro, ao agricultor, para facer o compost cos sobrantes das plantas aos supermercados, que xa poñen á venda os produtos preto de caducar e baixan o prezo. E os cociñeiros, usar o xusto, e o que sobre, que antes parecía que daba vergoña, agora xa a xente o leva para casa ou utilizamos nós para calquera cousa".
Hai que educar dende ben cativos na cultura do aproveitamento, que implica a todos. E semella que a mensaxe cala na rúa. "No meu piso non se desperdicia nada. Se non son eu, cómeno estes, e a miña compañeira de piso tamén ten un can e cómeo todo, calquera cousa", conta unha rapaza, mentres que outra veciña de Vigo asegura que "eu aproveito todo, non fago cousas que teña que tirar senón que as conxelo e cómoas despois".
A nova lei, que aínda non ten data de data en vigor, obriga os restaurantes a dar envases para levar a comida sobrante, algo que xa se fai en Galicia dende o 2021. Unha mensaxe que os galegos teñen interiorizada.
"Eu sempre intento comer o máximo que poida e, se non podo porque estou cheo, gárdoo e tómoo ao seguinte día ou cando sexa", conta un mozo novo, mentres que outro home ten claro que facer: "Aproveitar as comidas e pedir o tupper se fai falta. Aproveitar ao 100 % salvo momentos que non se pode... Aproveitar ao 100 % e aínda mais".
Malia que a sociedade cada vez está mais concienciada, a nova lei contempla sancións de ata 500.000 euros para os que incumpran a normativa.