Os produtos de coidado persoal gañan peso nos hábitos dos consumidores
Os datos mostran que cada consumidor gasta unha media de 206 euros ao ano en produtos de cosmética e perfumería
As cifras falan por si mesmas. O benestar persoal e o coidado do corpo ocupan cada vez máis peso nos hábitos dos consumidores. As buscas de produtos aumentaron máis dun 150 % nos últimos dous anos.
"Gústanos estar ben. A aparencia é unha carta de presentación".
"Compro perfumes, maquillaxe, produtos que teñen que ver coa rutina da pel", explica unha consumidora.
Un interese pola estética e a cosmética que vén da man dun crecente número de negocios que atenden as demandas do público. Sete de cada dez consumidores aseguran que os produtos de coidado persoal axudan a mellorar a súa imaxe e autoestima.
"Eu son de 'low cost'. Vou ao barato. Non me deixo moito. Como máximo 30 euros", di a clienta dunha perfumería.
As tendencias apuntan a un público cada vez máis novo. A influencia das redes sociais con perfís que mostran rutinas e supostos efectos de determinados produtos contan cada vez con máis seguidores e visualizacións. Pero os profesionais advirten.
"Ver nenas nas redes sociais que están realizando rutinas que non son necesarias failles utilizar produtos que non necesitan á súa idade", asegura Blanca González, vogal de Dermofarmacia do Colexio de Farmacéuticos da Coruña.
E alertan de que os novos patróns de consumo levan aparellados casos de intrusismo profesional que nos poden saír caros.
"A medicina estética está en auxe pero ás veces realízase por profesionais que non están cualificados ou en centros que non están autorizados. E iso implica un risco para a saúde", advirte Carmen Pérez, Especialista en medicina estética.
Sentirse mellor, pero sempre atendendo os consellos dun bo profesional.