A batalla de barbeiros de Vigo achega ao público a arte dos peiteados masculinos rompedores
En Vigo celebrouse a Batalla de Barbeiros, un evento internacional en que os profesionais do sector compiten entre si baixo a mirada de xuíces moi coñecidos na área dos peiteados e tendencias. As novas xeracións volven ir ao barbeiro, como o facían seus avós pero con moitas máis posibilidades estilísticas.
Aproveitando o Black Friday, a empresa KPPELL decidiu traer este concurso a un centro comercial, VIALIA, en Vigo e amosar ao público a nova arte dos novos barbeiros. Na batalla de barbeiros hai tres categorías: futuras promesas do oficio, o máis veloz no degradado e peitado creativo persoal.
"Aberta ao público é a primeira vez que se fai nun centro comercial para que o público xeral poida ver esta arte e como traballan os barbeiros. Do que se trata é de que se coñezan, facer sinerxias e que poidan crear ideas e tendencias entre eles", conta a TVG Mónica Diumarón, de KPPEL Professional e organizadora do evento.
A maioría dos competidores nesta batalla son autónomos que rexentan a súa propia barbaría. O negocio, cóntannos moitos, non vai mal. Hai clientes que xa empezan ir unha vez por semana. As barbarías están de moda.
"Eu creo que cada vez a xente quere ter un mellor aspecto, e hoxe en día co tema da redes sociais sempre procuramos lucirnos un pouco máis, e sempre tentamos dar a nosa mellor cara. E diso, para min, ten que encargarse o barbeiro. Por iso hai tanta xente que vén semanalmente, ou mínimo unha vez ao mes", relata Breixo, o barbeiro de Breixo Barberland.
"De hai uns anos para aquí temos un auxe. A barbaría comezou a evolucionar moito, e agora mesmo vese como esa progresión de vida. Eu, por exemplo, son profesor nunha academia e ao mesmo tempo traballo nunha barbaría", explica Marcos Mejía, xuíz do concurso e barbeiro.
Hai catro xeracións, a imaxe coidada dun home pasaba polos barbeiros. Agora, moitos nacidos nos dous mil aparcan as máquinas de afeitado caseiras para buscar fóra un peiteado rompedor.